Vigo Street Stunts
Buscador

Street Stunts converte Vigo en capital da cultura urbana contemporánea

Saltos, acrobacias e equilibrios imposibles danse cita do 8 ao 10 de setembro na terceira edición de Vigo Street Stunts, un evento deportivo e cultural no que o corpo e o espazo urbano son os grandes protagonistas

A edición 2017 de Street Stunts pretende ser a máis participativa ata a data, non só pola ampliación das disciplinas competitivas, senón polo amplo programa de actividades destinado ao público que se achegue ao Náutico de Vigo. A gastronomía, o lecer familiar e os concertos completan unha programación de prácticas deportivas cuxos nomes en inglés nos remiten ao seu carácter internacional e contemporáneo.

Con respecto ás competicións, este ano desenvólvense 20 probas, entre as que destacan algunhas novidades, coma a World Cup Pro Smart Speed Contest, unha competición que consiste en realizar unha carreira de obstáculos no menor tempo posible; o Open de España de Tricking, unha combinación de saltos, xiros e patadas de distintas disciplinas; o Campionato de España de Street Pole, unha técnica de baile sobre barra fixa; o Campionato de Breakdance e a competición All Style Battles, na que se poñerán en práctica danzas de diferentes estilos, coma hip hop, breakdance ou funky.

Vigo Street Stunts
Vigo Street Stunts

As diferentes probas deportivas reunirán 400 deportistas de todo o mundo, entre os que se atopan primeiras figuras das súas especialidades. Ademais, nesta edición aumenta a presenza da muller na maior parte das disciplinas, nas que se incorporaron campionatos femininos.

Street Stunts 2017 tamén conta cunha ampla oferta musical de carácter gratuíto. O cartel está encabezado polo concerto de apertura do coñecido DJ e produtor Brian Cross, ao que se suman as actuacións de bandas galegas emerxentes de diferentes estilos musicais e sesións con máis de 40 DJ.

Lecer familiar e obradoiros

Nos 25.000 metros cadrados que ocupa o evento teñen especial protagonismo as propostas de lecer en familia e a gastronomía, coa zona Street Boulevard, que conta cunha ducia de food trucks que ofrecen comida mexicana, italiana, árabe, xaponesa, española e americana. O Street Boulevard inclúe tamén un espazo para o público máis novo coa instalación dunha pista multideporte inchable de 14 x 16 metros con porterías e canastras.

Dentro da aposta por facer partícipe o público, a organización puxo en marcha exhibicións de graffiti, highline (equilibrismo), capoeira, street dance, pole dance e taekwondo, así como clases maxistrais de ioga, zumba, body combat e brooklyn combat para todas as idades. Ademais, as persoas interesadas en introducirse no mundo da cultura urbana poderán participar nos obradoiros de iniciación ao tricking, escalada boulder, taekwondo, capoeira, parkour (desprazamento con obstáculos), slackline (equilibrismo con cinta) e street workout (adestramento na rúa), entre outros. A inscrición pode facerse a través da web www.vigostreetstunts.com. Cada obradoiro ten un prezo simbólico de 1 euro.

Ocio familiar y talleres, Vigo Street
Ocio familiar y talleres, Vigo Street

A celebración deste evento, xunto co recente festival de deporte urbano O Marisquiño, consolidou Vigo como cidade de acollida e divulgación das expresións de cultura urbana contemporáneas. Street Stunts recibiu o ano pasado a visita de 30.000 persoas.

Contido web Contido web

Video Oficial Street Stunts 2017