Conta atrás para a "musealización" do castro do Facho
A semana pasada acordábase o inicio dunha nova intervención noutro castro da provincia de Pontevedra. Neste caso trátase do castro do Facho, en Cangas, cuxas obras se espera que comecen en abril e duren ao redor de 6 meses. Tras a reunión entre arqueólogos e persoal técnico da Deputación de Pontevedra xunto con representantes do municipio local e a Comunidade de Montes de Hío, confirmábase que xa se está elaborando o proxecto de intervención e que terá que ser aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta en breve.
A intervención arqueolóxica centrarase en dous partes do Facho que abarcan ata 1.500 metros cadrados e inclúen zonas non escavadas anteriormente. O obxectivo, ademais de manter e conservar este tipo de xacementos que forman parte do patrimonio local, é convertelo en zona visitable para a súa promoción turística. De feito, xa desde o comezo das obras programaranse visitas guiadas como se fixese en casos similares o ano anterior. Entre outras das accións paralelas que levarán a cabo durante a intervención, o concello programa realizar diversas conferencias para a divulgación destes restos milenarios.
O proxecto forma parte dos acordos co Ministerio de Fomento para a restauración, consolidación e limpeza de escavacións arqueolóxicas. Anteriormente, xa se traballou noutros xacementos da provincia, como o castro de Ribadumia en monte do Castro, cuns 2.500 anos de historia e en cuxos traballos tamén se realizaron visitas guiadas. Visitas que tamén se fixeron na Lanzada, cuxos traballos abarcaron en 2017 ata 2.200 metros cadrados sobre restos que datan de diferentes épocas entre o III a. C. e o III d. C. No caso de Alobre, Vilagarcía de Arousa, traballouse sobre máis de 500 metros cadrados nun complexo pertencente ao
século I a. C.
Outros lugares, como CastroDeza, en Lalín , ofrecen un espazo permanente con información sobre a relevancia destes restos arqueolóxicos do noso pasado. Ademais, a propia Deputación ofrece un catálogo dos máis relevantes da provincia.
O Facho
O monte do Facho, é un lugar espectacular con vistas envexables ao Atlántico e ás Illas Cíes e cuxa localización nos lembra a do monte Santa Trega na Guarda. O seu nome, en galego, fai referencia a unha antiga garita militar de vixilancia do século XVIII. Para a súa construción utilizáronse restos de aras romanas (altares de sacrificios), crese que en honra ao deus Bero Breus.
Nos últimos anos a súa popularidade foi en aumento e espérase que as melloras no xacemento atraian mesmo a máis persoas visitantes. Pois ademais do castro e o miradoiro é un bo enclave para pasear, con praias preto e tres faros con bonitas vistas á ría.