O Camiño da Costa en Baiona mellorará cun tramo de senda peonil e ciclista e cun miradoiro
O Camiño Portugués da Costa, aposta estrela da Deputación Provincial e Turismo Rías Baixas na pasada edición de Fitur, será mellorado en dous tramos ao seu paso por Baiona e fará máis cómodo o traxecto aos peregrinos e demais viandantes. As obras, cun importe de 381.000 euros, consistirán na apertura dunha senda peonil e ciclista, a creación dun miradoiro, a instalación de redutores físicos de velocidade na calzada e pasos de peóns sobreelevados.
Os traballos, financiados nun 80 % pola Deputación e o 20 % restante polo Concello de Baiona, mellorarán a estrada EP-2203 nun tramo de 675 metros entre Baredo e Loureza, e entre as actuacións destaca unha nova senda peonil cunha sección útil de 2,5 metros, así como zonas de esparexemento para os viandantes. Outro viario, a EP-2202 entre Loureza e Baiona, será reformado nun traxecto de 300 metros, neste caso con reformas que se centrarán en baixar a velocidade dos vehículos mediante a colocación de redutores físicos e pasos de peóns sobreelevados, así como en pintar a senda existente.
Inicio no outono
O proxecto está só pendente de aprobación final e os traballos arrincarán no outono. "Damos valor aos peóns dinamizando unha zona que actualmente presenta unha serie de carencias e inconvenientes, como a inexistencia de beirarrúa", destaca o deputado Uxío Benítez, para agregar que "o novo deseño da zona permitirá a todas as persoas gozar da fermosa paisaxe nesa contorna".