O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia duplicou as súas visitas en Semana Santa
A excepcional Semana Santa que viviron este ano As Rías Baixas coa chegada de turistas tamén se estendeu ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Un total de 18.440 persoas visitaron o espazo natural marítimo-terrestre, único na súa categoría en Galicia. O desembarco supón un espectacular incremento do 123 % con respecto ao ano pasado, cando recalaron nas illas 8.280 pasaxeiras e pasaxeiros, segundo os datos da Xunta de Galicia.
As Illas Cíes seguen sendo a xoia da coroa do parque nacional canto á afluencia turística. O arquipélago recibiu en Semana Santa a 13.865 persoas, cifra que duplica a de 2016. As visitas a este espazo natural de prestixio internacional rexistran nos últimos anos un crecemento continuo, favorecido nos pasados días festivos polas altas temperaturas.
O crecemento da afluencia é continuo e viuse favorecido estes festivos polas altas temperaturas
O aumento foi aínda superior na Illa de Ons en termos porcentuais. A chegada de visitantes á illa situouse en 3.825 persoas, máis do triplo que en 2016. Cortegada, xa cunha afluencia máis discreta, tamén rexistra unha estupenda evolución ao pasar de 122 a 425 turistas nun ano, mentres que Sálvora mantense estable con 325 visitas, oito menos que na Semana Santa anterior.
Por outra banda, o Parque Natural Monte Aloia, cunha rica fauna e flora e unhas extraordinarias vistas sobre o río Miño, superou a barreira dos 2.000 visitantes nas festas, o que supón un incremento do 11 %.