Xogos infantís no castelo de Soutomaior
O castelo de Soutomaior é un lugar con historia especial para pasar un día en familia. Por unha banda, está situado nun lugar envexable rodeado dunha fermosa paisaxe, e por outro, ademais do propio recinto, permite achegarse a outros recunchos locais como o miradoiro da Peneda ou coñecer a beira do río Verdugo.
Os seus xardíns son un bo espazo para pasear e agora, coa nova musealización do seu interior, inclúese un circuíto con diferentes paneis dedicados ás e os máis pequenos da familia. Cunha estética coidada ao detalle, os paneis distribúense polo percorrido do castelo. Ademais do castelán, están traducidos ao galego e inglés. Mostrámolos:
Recoñece aos irmandiños
A primeira proposta reta ás e os máis pequenos a identificar as persoas que formaban parte da Santa Irmandade. A Irmandade foi creada en 1467 para levantarse contra o goberno feudal da época, sendo hoxe considerada unha das maiores revoltas sociais daquel século. Nesta proposta móstranse cinco viñetas no que as e os pequenos terán que diferenciar entre o campesiñado e a nobreza do século XV.
O xogo dos erros
Divertido tamén é o “xogo dos erros”. Unha fotografía en branco e negro no que se poden identificar ata sete elementos anacrónicos que non corresponden coa época da fotografía.
O castelo de Soutomaior é un lugar especial para pasar un día en familia
Coñece Soutomaior
O seguinte panel permite recoñecer nun mapa as diferentes áreas de interese a nivel local. Trátase de espazos menos coñecidos pero que ben merecen unha visita. Desde o río Verdugo ata o monte da Peneda ou as pontes de Soutomaior e de Ponte Sampaio. No caso de Ponte Sampaio, é popular porque viviu unha batalla decisiva na Reconquista contra os franceses de 1809. A teatralización da mesma celébrase cada xuño. A ponte colgante, con todo, é un espazo de lecer para bañarse no verán. Achegarse ao castelo é unha oportunidade tamén para visitar algúns destes recunchos.
Os obxectos de María Vinyals
María Vinyals é unha das figuras nas que se centra a exposición. A súa importancia reside en que foi unha das anfitrioas do castelo e unha embaixadora especial da súa terra galega ademais de escritora. Neste novo enigma para as e os máis pequenos, convídaselles a recoñecer as iconas que representan a obxectos que datan da súa época, finais do XIX e principios do XX.
Quebracabezas de Pedro Madruga
Posiblemente un dos xogos máis entretidos é o que nos propón recoñecer a figura de Pedro Madruga. Trátase dun dos personaxes máis ilustres vinculado coa fortaleza. Parte da súa popularidade está ligada coa época na que tivo que vivir. Por unha banda polas contendas contra os irmandiños, sendo dos nobres que puido facer fronte ás revoltas, e por outro as rivalidades contra o reino central de Castela. O xogo é un quebracabezas de paneis para ordenar e así obter o retrato do cabaleiro Madruga.