A senda botánica desprega todos os encantos de Sobroso
As primeiras noticias da fortaleza de Sobroso fálannos de dona Urraca e o asedio que sufriu neste castelo, do que conseguiu fuxir cara a Compostela a través dun pasadizo subterráneo que comunicaba coas ribeiras do Tea. Tres séculos máis tarde, o castelo é escenario das Revoltas Irmandiñas e tras diversos avatares históricos é adquirido polo Concello de Ponteareas e cedido o seu uso á Deputación de Pontevedra, en 2013.
A fortaleza, que se atopa en perfecto estado de conservación, ten sen dúbida un gran interese histórico, que atraeu só no pasado mes de agosto a preto dun milleiro de persoas. Desde este verán, a visita pode completarse e enriquecerse cun percorrido polo bosque Atlántico que rodea a fortaleza, e que foi deseñado pola Deputación de Pontevedra para descubrir aos e as visitantes as curiosidades e segredos das especies arbóreas que crecen na zona. A senda está sinalizada e inclúe sete paneis con códigos QR.
Visita teatralizada
Para dar a coñecer a nova senda botánica, a Deputación de Pontevedra organizou o 7 de outubro unha ruta teatralizada, na que participaron máis de 150 persoas, entre as que se atopaban a propia a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde de Ponteareas , Xosé Represas, e o deputado de Turismo, Santos Héctor. As e os participantes estiveron acompañados durante toda a xornada pola figura de Dona Urraca, representada por unha actriz de teatro, que recreou a súa historia no castelo de Sobroso , e dun trobador, que animou ás persoas presentes a abrazarse ás sobreiras.
Ademais, os dous guías presentes na actividade foron explicando todos os detalles das especies singulares da ruta, aproveitando os novos paneis tecnolóxicos e as audioguías en inglés, castelán e galego. Os monitores referíronse á importancia de levar un control de especies invasoras como a acacia, orixinaria de Australia, que deteriora o hábitat autóctono e agrava os incendios forestais, xa que a súa semente actúa como combustible.
O monitor animou as persoas asistentes a tocar as follas dalgunhas árbores, a contrastar a diferenza entre as follas e características do tronco do carballo común e do cerquiño, máis típico de Galicia. Na ruta tamén hai unha zona de maceiras e na saia do castelo crecen as sobreiras, que dan nome á fortaleza.
Códigos QR
A senda botánica do castelo de Sobroso propón unha forma diferente de coñecer a historia da fortaleza. A través dos códigos QR presentes nos paneis informativos, as persoas visitantes poden obter información detallada sobre a contorna e especies como os liques, o carballo, o alcanfor, os froiteiros, a sobreira e o acivro, protagonistas da senda.