Oia revive antigas lendas castrexas co Festival do Rei Sol
O Festival do Rei Sol toma o seu nome dunha antiga lenda vinculada ao castro de Cano dos Mouros, situado nun monte a 300 metros de altura en Viladesuso. Conta a historia que o Rei Sol sentábase cada tarde nunha das pedras do promontorio, precisamente coñecida popularmente co nome de "cadeira do Rei Sol", para contemplar as magníficas postas de sol sobre o océano Atlántico.
Con esta lenda como fío condutor, o Festival do Rei Sol pretende pór en valor o patrimonio cultural e natural da zona, tanto o material como o inmaterial. Os actos centrais do evento celebraranse o domingo 17 no propio castro, onde terá lugar unha visita guiada, unha representación teatral e a contemplación do atardecer coa música da Fiada de Viladesuso. O espectáculo "Os contos do Rei Sol", a cargo de Avelino González, porá fin á xornada.
O evento propón charlas, contos, obradoiros infantís e unha visita polo castro
Ademais, durante o fin de semana organizaranse outras actividades culturais, distribuídas por diferentes puntos do Concello de Oia. O venres 15 terá lugar un obradoiro infantil de arqueoloxía e a representación teatral O que hai que ver, a cargo do grupo vigués Fulano, Mengano e Citano; o sábado 16 haberá unha andaina por Viladesuso e outro obradoiro infantil dedicado á elaboración de traxes castrexos. O mesmo día a escritora Sonia María García García ofrecerá unha charla baixo o título "Pactos de Hospitalidade e colaboración na Galicia Romana".
Todas as actividades son gratuítas. No caso dos obradoiros infantís e a andaina as prazas son limitadas, polo que é necesaria inscrición previa. En caso de choiva, os actos do festival trasladaranse ao Centro Social de Viladesuso. Máis información: http://costadoscastros.com/gl_ES