Pasea por un xardín cheo de orquídeas a próxima fin de semana
O seguinte evento ten lugar en Salvaterra de Miño, mencionado recentemente pola súa festa como capital do Condado do Tea dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas. Nesta ocasión acollerá unha exposición internacional ao redor da bela planta da orquídea.
O evento comezará o mesmo sábado desde as 11 da mañá ata as 20 horas da tarde. A partir das 12 haberá actuacións como as do Grupo de Baile e a Banda de Gaitas Pontenova. Para a tarde está programada unha charla sobre o cultivo do xénero Dendrobium, e continuará cun concerto ás 19 horas. E ás 19:30 terá lugar o sorteo de orquídeas entre as persoas asistentes á exposición.
Para o segundo día, ademais doutras actuacións, destaca a charla da tarde sobre o cultivo do xénero Masdevallia e Drácula en interiores. E do mesmo xeito que o día anterior, antes de finalizar a exposición, ás 18:30 horas haberá outro sorteo entre as persoas asistentes deste segundo día.
As orquídeas forman parte dunha das plantas máis extensas do reino vexetal con máis de 20.000 variedades
Todo iso para gozar dunha das plantas máis extensas do reino vexetal, posuíndo máis de 20.000 especies coñecidas sen contar cos híbridos que poderían duplicar a cifra. A maior parte desta especie prefire un clima chuvioso e cálido, polo que son máis fáciles de localizar en selvas tropicais. Independentemente do clima, na actualidade pódense atopar en Sudamérica, África e Oceanía especialmente, e en menor medida existen plantas autóctonas tamén en Europa.
Canto á localización da feira, esta realizarase no apracible parque A Canuda. Xardín que se atopa á beira do río Miño, cun bonito paseo e en cuxo interior existe un estanque con embarcacións incluídas para uso das e dos visitantes, e un xardín didáctico que inclúe unha gran variedade de roseiras entre outras plantas e árbores froiteiras. No futuro prevese construír tamén un acuario para mostrar as especies mariñas do río Miño.