Visitas teatralizadas ao castelo de Sobroso este fin de semana
As visitas teatralizadas volven ao castelo de Sobroso. A Raíña Dona Urraca e o nobre Pedro Madruga regresan á fortaleza e exercerán de anfitrións do público que se inscriba nos catro percorridos que a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas organizarán de aquí ao final de mes. As datas: este sábado día 16, domingo 17, venres 29 e sábado 30 de xuño. As tres primeiras visitas teatralizadas ao impoñente castelo terán lugar ás 11.30 horas, mentres que a última arrincará ás cinco da tarde.
O aforamento é limitado e o proceso de inscrición ábrese hoxe ás 11.00 horas. Para formalizala só é necesario picar sobre a seguinte ligazón: visitas teatralizadas a Sobroso. Aquelas persoas que desexen participar na iniciativa teñen tamén á súa disposición, para calquera dúbida ou información adicional, os teléfonos 886 211 700 e 618 320 033.
A iniciativa relata a historia da fortaleza de forma amena e mostra a súa riqueza botánica a través da Senda do Bosque Atlántico
As visitas teatralizadas de Sobroso diríxense ao público familiar e virarán ao redor de dúas figuras con historia no castelo: Dona Urraca, que foi asediada na fortaleza polos partidarios do seu fillo, o conde de Traba e a súa media-irmá Teresa; e Pedro Madruga, quen reconstruíu o castelo tras as revoltas irmandiñas.
O obxectivo é achegar, sobre todo ás persoas máis novas, a historia de Galicia dunha maneira amena e divertida, así como mostrar a natureza e a paisaxe do castelo de Sobroso podendo gozar dunhas incomparables vistas do val do Tea desde as terrazas da fortaleza.
Así mesmo, durante as visitas teatralizadas, as persoas participantes poden realizar a senda ambiental "Senda do Bosque Atlántico", unha proposta diferente posta en marcha para poder coñecer a historia do castelo e da súa natureza a través de códigos QR que os e as visitantes poden ir descargando no seu percorrido.