Fiestas en Rías Baixas

Festas

A Arribada

Viaxe á época do Descubrimento

Baiona festexa a chegada da carabela Pinta coas noticias sobre o Novo Mundo

A vila de Baiona foi a primeira de Europa en ter noticia do descubrimento de América e máis de 500 anos despois conmemórao polo grande cunha festa multitudinaria declarada de Interese Turístico Internacional. A primeira fin de semana de marzo cabaleiros, zancudos, artesáns de todos os gremios, cíngaras que len as liñas das mans, mesoneiros e miles de personaxes vestidos de época trasladan a vila a hai máis de 500 anos.

Arribada en Baiona

Toda Baiona se mergulla no Medievo durante os actos da Arribada e multitude de persoas chegan desde toda Galicia, numerosos lugares de España, Portugal e outros países. O Real Mercado Medieval supera xa os catrocentos postos e excede a superficie do conxunto histórico. A ocupación hoteleira durante a fin de semana alcanza o 100 %.

Torneo de xustas

Os festexos arrincan con doce disparos efectuados desde a fortaleza de Monterreal e co torneo de xustas, no que os cabaleiros disputan o amor dunha moza de familia nobre. Existe ademais un campo de adestramento á disposición dos cabaleiros e organízanse olimpíadas medievais. Exhibicións de cetrería, competicións de esgrima e probas de tiro con arco son outros dos espectáculos máis atractivos, e o momento cume prodúcese coa representación teatral da chegada da carabela Pinta á vila, no areal da Ribeira.

Arribada de Baiona
Arribada de Baiona

Nos postos de artesanía do Real Mercado véndese cerámica, coiro, bixutería ou xoguetes, mentres que nos gastronómicos se poden degustar produtos coma polbo, churrasco, empanada, doces, viños ou licores. Na alameda dos aprendices, ademais, desenvólvense obradoiros de ata dez especialidades: olería, tapices de época, arte de acuñar moedas, escritura medieval, coiro, repostería, bordado antigo, ourivería, lacrado de cartas e gravado. As vilas irmandadas con Baiona teñen tamén presenza na feira, cunha parada formada por Palos de la Frontera, Santa Fe, Pornic e Vila do Bispo.

Arribada de Baiona

A finais do século XX conmemorouse o V Centenario do Descubrimento a través dos actos solemnes que tiveron lugar en Baiona, e en 1993 o seu conxunto histórico foi declarado de Interese Histórico-Artístico. A Arribada experimentou un enorme crecemento ata lograr en 2015 a declaración de Interese Turístico Internacional. Baiona volve ao momento no que Europa tivo coñecemento do Novo Mundo. As súas xentes soubérono antes que ninguén no Vello Continente.