Fiestas en Rías Baixas

Turismo litoral

A Illa de Arousa

Un carácter 100 % mariñeiro

Atoparás pequenas casas de pedra e calellas estreitas a carón do mar

A Illa de Arousa é un paraíso natural e unha das vilas mariñeiras máis xenuínas da provincia de Pontevedra. Este municipio da ría de Arousa, unido á terra por unha ponte de 2 quilómetros de lonxitude, atrae inicialmente pola súa historia e as súas espectaculares paisaxes, pero tamén polo carácter da súa xente e a súa idiosincrasia.

A Illa de Arousa

Foi clave no desenvolvemento industrial de Galicia, ao acoller a primeira factoría que existiu na comunidade autónoma

Gamelas, botes, dornas, bateas, nasas, raños… son algúns dos nomes das innumerables embarcacións, aparellos e artes de pesca e marisqueo que podemos atopar na Illa de Arousa e que nos narran a súa estreita vinculación co mar. No século XIX chegaron a traballar na zona ata sete industrias de salgadura e pesca de sardiña. O pequeno municipio arousán foi clave no desenvolvemento industrial de Galicia ao acoller a primeira factoría que existiu na comunidade autónoma.

A nivel arquitectónico destaca o barrio de Pedraserrada, de carácter 100 % mariñeiro. Cheo de casas típicas mariñeiras, pequenas e de pedra, situadas á beira do mar e entre as que discorren calellas estreitas con moito encanto. Coa baixamar pode percorrerse polas rochas, onde as veciñas e veciños amarran as súas embarcacións e aparellos tradicionais.

A Illa de Arousa ten 11 quilómetros de praias e pequenas calas que a converteron nunha das xoias da coroa do turismo na provincia de Pontevedra.

vilas mariñeiras...