Fiestas en Rías Baixas

Turismo litoral

O Berbés

O barrio de pescadores do que naceu Vigo

Porta de entrada ao Casco Vello, no que sentirás a tradición mariñeira da cidade

O mar chegaba case ás portas das vivendas tradicionais do barrio mariñeiro do Berbés, un dos máis pintorescos das Rías Baixas. Pese ao crecemento da cidade de Vigo e aos cambios experimentados na primitiva fachada marítima aínda se conservan algunhas estruturas orixinais con soportais nos que os pescadores varaban as dornas.

Este barrio tipicamente mariñeiro, orixe da cidade olívica e durante moitos anos o seu motor económico e social, xurdiu arredor do ano 1700 na pequena enseada de San Francisco. Comezou sendo un varadoiro, pero co paso do tempo transformouse nunha zona de vivendas de estreita fachada con capacidade para almacenar nos seus baixos aparellos de pesca, remos e pequenas embarcacións.

O Berbés

Orixe da cidade olívica e durante moitos anos o seu motor económico e social, xurdiu arredor do ano 1700 na pequena enseada de San Francisco

A dinámica do propio barrio, onde se realizaban todas as faenas vinculadas á pesca, incluíndo a propia limpeza e venda do peixe, motivou a aparición dos soportais, engadindo un novo elemento de carácter funcional á vivenda urbana mariñeira.

O barrio do Berbés actúa hoxe como porta de entrada ao Casco Vello, onde as e os visitantes poderán empaparse da tradición mariñeira de Vigo á vez que perciben o actual ambiente do barrio, máis moderno, convertido en centro de lecer da cidade. A visita debe incluír unha parada no mercado do Berbés, unha praza de abastos tradicional ata non fai moito e que agora acolle tamén negocios de restauración.

vilas mariñeiras...