Fontao: a mina das grandes guerras

Visita o poboado mineiro de Vila de Cruces que forneceu Europa de estaño e volframio para a fabricación de material bélico

As minas de Fontao explotáronse durante 90 anos. A finais do XIX o enxeñeiro británico Henry Winter Burbury fíxose coa propiedade e impulsou a actividade mineira, iniciando unha etapa de prosperidade en Vila de Cruces. Esta pequena localidade xogou un papel determinante na economía nacional e no devir das grandes guerras en Europa. Os veciños obtiñan estaño e volframio adicado maioritariamente á construción de material bélico.

Foron a caída do prezo dos minerais e o traslado das contendas cara a Asia e África os que deixaron as galerías paulatinamente sen actividade arredor do ano 1963. Unha década despois clausurouse a última brecha a ceo aberto, e a frenética actividade de outrora deixaba paso a un escenario deserto que hoxe trata de manter vivo o legado cultural e histórico da comarca por medio dun Museo da Minería.

no te pierdas ...

  • Museo exterior
  • Antiga capela
  • Mosterio de Camanzo
  • Casa Museo A Solaina

A historia de Fontao é apaixonante. A etapa inicial, na que se realizaba o traballo de forma rudimentaria, foi seguida pola incorporación dos coñecementos mineiros importados polos propietarios ingleses e franceses da mina. Así se forxou unha industria punteira capaz de aproveitar a cotización dos metais en Europa durante esa época.

Recuperar a historia

O Museo da Minería de Fontao ten como obxectivo difundir o legado cultural relacionado directa ou indirectamente coa mina de Fontao mediante a recuperación de documentos, planos, publicacións, fotografías e testemuños de todo o material relacionado con esta temática e velar pola conservación, recuperación e posta en valor do patrimonio industrial e mineiro de Fontao. A colección aberta ao público pódese visitar nas instalacións de servizos comúns coma o antigo cinema, a capela e as escolas, así como os espazos exteriores.

En Vila de Cruces déronse cita grandes empresarios, enxeñeiros, aventureiros, espías fuxitivos e presos republicanos, xa que Fontao foi tamén destino para grupos de presos políticos obrigados a realizar traballos durante a Ditadura. Tal era o nivel de actividade que en 1956 os donos construíron todo un poboado mineiro ao redor das galerías. Incluía vivendas, un campo de fútbol, unha escola, un cinema e unha igrexa, entre outros equipamentos, pero que chegou tarde, pois apenas cinco anos despois iniciábase o cesamento dos traballos e en 1974 botábaselle o peche definitivo.

“Forxou unha industria punteira capaz de aproveitar a cotización dos metais en Europa durante esa época”

Durante case o século que durou a actividade extractiva na zona modificouse a paisaxe e creouse un importante patrimonio industrial e mineiro do que se conservan elementos representativos que hoxe axudan a entender como foron os anos de esplendor da mina e a organización de traballadores e veciños.

Aproveita a visita para coñecer o mosteiro de Camanzo, o Hotel Balneario Baños da Brea ou a Casa Museo A Solaina e degustar o famosísimo galo de curral de Vila de Cruces.