Cambados, o berce do Albariño

Patrimonio, historia e espectaculares adegas. Cambados ofrece múltiples atractivos para quen queira gozar do aroma dos seus viños, unha variada gastronomía vinculada ao mar e o seu señorial conxunto histórico

A súa histórica cultura do viño, o éxito irresistible da Festa do Albariño, declarada de Interese Turístico Internacional, e a calidade da Denominación de Orixe Rías Baixas catapultaron a Cambados como unha das grandes capitais vitivinícolas e son o aliciente perfecto ao seu rico patrimonio e á súa historia.

Fenicios, romanos, godos, sarracenos e normandos ameazaron as súas costas en diferentes períodos e foron repelidos desde a torre de San Sadurniño, cuxas ruínas se conservan no illote da Figueira.

Non deixes de ver ...

  • Igrexa Santa Mariña Dozo
  • Museo do Viño
  • Pazo de Fefiñáns
  • Torre de San Sadurniño

A valentía dos seus veciños animou a Fernando II a outorgarlle a Cambados a distinción de “Moi Real Vila” no século XII inaugurando un período de crecemento e esplendor que as e os visitantes aínda perciben en construcións nobres coma os pazos de Torrado, Bazán, Ulloa ou Moltó.

A visita ás adegas permitirache saborear os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, recoñecidos en todo o mundo

O casco antigo cambadés, onde brillan con luz propia os pazos de Fefiñáns e Montesacro, é perfecto para percorrelo a pé e aperitivo idóneo antes de visitar algunha das adegas nas que catar o mundialmente recoñecido viño albariño.

 
  •  
    Torre de Sadurniño
  •  
    Marisqueo
  •  
    Pazo de Fefiñáns
  •  
    Patrimonio
  •  
    Santa Mariña de Dozo
  •  
    Cambados
  •  
    Porto
 
 

A capital do Salnés ofrece múltiples plans. A visita ao municipio debe incorporar paradas no Museo Etnográfico e a do Viño para coñecer a orixe das súas fértiles vides, os métodos de cultivo, a vendima e o seu impacto sobre o terreo. E se unha copa de Albariño é a primeira imaxe que evoca Cambados na mente de viaxeiras e viaxeiros, a segunda deberían ser unhas boas vieiras preparadas ao estilo da vila, produto estrela da gastronomía local.

Os recentemente chegados deben camiñar ata a saia do monte da Pastora para visitar as ruínas de Santa Mariña Dozo (século XVI), un dos recunchos máis especiais da comarca, antigo templo cunha impresionante arquitectura e cemiterio histórico no que semella deterse o tempo.

Unha ruta entre viñedos

Cambados conta cun percorrido de adegas, viñedos, salas de cata e infraestruturas que a converten nunha das grandes zonas vitivinícolas de España. Se se busca unha completa experiencia enolóxica son moitas as adegas incluídas na Ruta do Viño Rías Baixas. Podes comezar polos pazos de Fefiñáns e A Capitá, e visitar outros clásicos coma Martín Códax ou Condes de Albarei. Ademais, no teu percorrido non esquezas Don Olegario, Lagar de Costa, Casa da Barca e Albamar.

Festa do albariño de Cambados  Con tantos eventos de verán en #RíasBaixas é difícil non perder ningún, así que empeza a organizar a túa axenda. Marca no calendario a semana do 31 de xullo ao 4 de agosto, cando se celebra a Festa do Albariño en Cambados: unha gran variedade de actividades culturais, un ambiente excelente e, por suposto, os mellores viños da D. O. Rías Baixas.