Recoller as túas cabichas e plásticos nas Rías Baixas terá premio
Co fin de impulsar un turismo sustentable social, económico e ambiental, e con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, a Deputación de Pontevedra presenta “Somos historias, somos sostibles”, unha campaña centrada nos contornos fluviais e costeiros vinculados a grandes eventos estivais como as festas de interese turístico ou os Rías Baixas Fest. A sensibilización da poboación, especialmente das e dos mozos, mediante a recollida de residuos tan nocivos como cabichas e plásticos premiarase este verán con entradas nos festivais de 2019 e outros agasallos relacionados coas festas da provincia.
Accións participativas a cambio de entradas
A iniciativa da Deputación, dirixida á sensibilización da poboación en espazos óptimos pola súa gran concentración de persoas, como as praias e os contornos fluviais, os Rías Baixas Fest ou as numerosas festas de interese turístico da provincia, tal e como destacou a súa presidenta Carmela Silva, “basearase nunha proposta participativa na que o público realizará accións simbólicas de recollida de materiais nocivos como cabichas e plásticos a cambio de beneficiarse de sorteos de entradas para a edición de 2019 dos Rías Baixas Fest ou premios similares de participación en festas de interese turístico da provincia”.
Para a correcta execución da campaña enfocada ao turismo sustentable, os espazos naturais, os festivais e as festas de interese máis destacados contarán, como apuntou Carmela Silva, con “un toldo de recepción personalizado que fará un chamamento ao público asistente na que se distribuirán 50.000 ecocabichas, envases de material reciclado para a recollida de cabichas e pequenos plásticos”. Ademais, estes espazos contarán con outros recursos materiais como imaxes de concienciación, 2.200 unidades de frisbees personalizados para as máis novas e folletos informativos, ademais de con monitoras e monitores ambientais “fomentando a participación e implicando o público nas actividades”.
Campaña de sensibilización contra o plástico
No Día Mundial do Medio Ambiente, este 2018 co lema “sen contaminación por plásticos”, é importante destacar que cada ano cinco millóns de cabichas acaban no medio mariño derramando contaminantes metálicos que causan danos na cadea alimentaria. Ademais, a ONU estima que cada ano 8.000 toneladas de plástico son depositadas nos nosos océanos e organizacións como Sexas at Risk subliñan que o 51 % dos residuos das praias de Europa son plásticos dun só uso.
Praias e contornos fluviais degradados por residuos non biodegradables, residuos no mar que afectan aos ecosistemas mariños e á calidade da auga das praias e a dificultade para impulsar o turismo desestacionalizado en determinados espazos degradados polo lixo son algunhas das situacións de risco que sofre a provincia de Pontevedra; de aí a necesidade de formar e capacitar o sector turístico, concienciar a poboación sobre o coidado do patrimonio natural e organizar campañas de sensibilización como “Somos historias, somos sostibles” en eventos de impacto turístico.