Fiestas en Rías Baixas

Festas

Danza de San Roque en Hío

Unha danza centenaria en honor a San Roque

O famoso cruceiro do Hío é testemuña dun baile declarado de Interese Turístico

Cada 16 de agosto, na parroquia do Hío, en Cangas, celébrase unha das tradicións máis lonxevas da comarca: a Danza Ancestral de San Roque. A festividade, que se mergulla séculos atrás na historia do Hío, mantívose co paso do tempo, mesmo en épocas de maior dificultade.

Danza de San Roque

Dezaseis persoas encárganse de realizar o baile de damas e galáns, e aínda que o nome puidese levar a engano, a diferenza das danzas irmandadas, esta danza é levada a cabo só por homes. Dez son os galáns, e cinco as damas ou sanrroquiños, representados polos máis novos da parroquia, vestidos coa colorida vestimenta de San Roque; os galáns visten de camisa e pantalón branco, chaqueta azul e chapeu de feltro. Todos seguen as instrucións do guía, que organiza e xestiona o evento de principio a fin e ha de ser o maior do grupo.

A danza comeza pola mañá, precedida por unha misa solemne ás 12 horas e a procesión de San Roque. Os danzantes realizan o paseo coas súas peculiares xenuflexións cada tres pasos, e á volta da procesión prodúcese a contradanza, un cambio repentino do ritmo ata volver á igrexa, xa co santo sen camisa, todo ao son dun gaiteiro e un tamborileiro.

Danza de San Roque en Hío
Cruceiro do Hío

A danza, de 45 minutos, repetirase ao final da tarde, normalmente ás 19 horas, pero esta vez xa sen santo nin carácter litúrxico.

Para poder participar neste espectáculo os bailaríns deben de ser orixinarios do Hío e debe quedar un posto vacante no grupo. Todo co maxestoso cruceiro local como testemuña, considerado o mellor cruceiro de Galicia, de 1872, tallado na súa maior parte sobre a mesma peza de granito polo escultor Cerviño.

Cabo Home

Unha festa cuxa orixe é froito de discusión entre historiadores: mentres uns consideran que forma parte dunha homenaxe a san Roque agradecendo o final da peste, outros sinalan que se trata dunha especie de imitación dos bailes da nobreza local. En calquera caso, é digna de atención, especialmente tras ser declara de Interese Turístico de Galicia en 2005, xunto á de Aldán, que se celebra o 20 de xaneiro, e a de Darbo, o 8 de setembro.