Camiño de Armenteira

Goza dunha ruta que finaliza aos pés do mosteiro, unha xoia dos séculos XII-XIII cuxa fundación se atribúe ao nobre Don Ero. Consérvase practicamente intacto e namora pola súa maxestosidade

En pleno corazón do Salnés atopámonos cunha ruta de sendeirismo que é toda unha invitación a mergullarse entre viñedos e gozar da forza da auga xunto a centenarios muíños para finalizar na escalinata do impoñente mosteiro de Santa María de Armenteira.

É unha alternativa inmellorable para quen busca desconectar no medio da natureza e deixarse empapar pola historia do rico patrimonio relixioso de Pontevedra. Son algo máis de oito quilómetros, sempre á beira do río Armenteira e baixo a follaxe dun abundante arboredo.

Os máis famentos de experiencias partirán desde Barrantes e percorrerán as parroquias de San Martiño de Meis ata localizaren o mosteiro cisterciense, cuxa fundación se atribúe a Don Ero no ano 1149.

Ocupouno durante 700 anos unha comunidade de monxes dedicados á oración e ao traballo, ata que no ano 1837 a desamortización os obrigou a abandonar o cenobio. A igrexa é un verdadeiro tesouro dos séculos XII-XIII, catalogada como románica galega aínda que cun estilo de transición ao gótico. Do primitivo claustro só queda a porta de acceso.

non deixes de ver ...

  • A igrexa dos séculos XII- XIII
  • O claustro
  • Muíños de Serén
  • Aldea labrega en pedra

Lugar de lenda

Don Ero é protagonista dunha famosa lenda que xa recollen as Cantigas de Alfonso X o Sabio. Segundo a historia, o monxe saíu a pasear unha mañá e quedou embelesado polo canto dun paxariño. Nese estado pasaría uns 300 anos e ao espertar regresa ao mosteiro crendo que só transcorreron unhas horas. Pero todo cambiou e os monxes só o recoñecen polas vellas crónicas da súa desaparición. Tras a súa morte, noméano como “o abade santo” e represéntano co paxaro sobre o seu ombreiro.

Os arredores do templo son un auténtico espectáculo da natureza. Trátase dun dos carreiros máis famosos de Galicia pola súa beleza e singularidade e ademais permitiu recuperar o antigo camiño polo que subían os veciños e veciñas de Ribadumia deica Armenteira o domingo de Pascua. Hoxe a celebración trasládase ao luns, día en que miles de veciños e veciñas da comarca participan na romaría de Nosa Señora dás Cabezas, á que se lle atribúen propiedades de curación para a hemicrania.

No tramo máis transitado, entre Ribadumia e Meis o camiño discorre entre os muíños de Serén, moitos rehabilitados

O treito máis transitado, entre Ribadumia e Meis, é o coñecido como Ruta da Pedra e da Auga, onde o camiño discorre entre os muíños de Serén, moitos deles rehabilitados. Parada obrigada neste itinerario é a aldea labrega esculpida en pedra pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra.