Fiestas en Rías Baixas
Atrás

“Sigue tu instinto” en Fitur 2020 (Noticia)

“Sigue o teu instinto” en Fitur 2020: Rías Baixas sorprende cunha presentación de cine

Celia Freijeiro e Jazmín Abuín convidan o público a descubrir a natureza da provincia de Pontevedra xunto a Carmela Silva e Xabier Fortes. Gran éxito do vídeo oficial da campaña

Presentación Sigue tu Instinto en Fitur

A campaña turística “Sigue o teu instinto” sorprendeu este mediodía na segunda xornada de Fitur 2020 cunha coidada e amena presentación na que participaron dúas grandes embaixadoras das Rías Baixas, as actrices Celia Freijeiro (Vida perfecta) e Jazmín Abuín (Amar es para siempre), e un grande embaixador, o xornalista Xabier Fortes (Los desayunos de TVE), que acompañaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e convidaron as persoas asistentes ao acto a reencontrarse coa natureza e con elas e eles mesmos na provincia de Pontevedra. “Sendas, bosques, fragas, ríos, viñedos a pé de mar... Vivimos nun paraíso onde podedes detervos e mirar”, declarou Carmela Silva ante o numeroso público congregado para presenciar o lanzamento da campaña.

O emotivo vídeo oficial de “Sigue o teu instinto”, gravado nunhas trinta localizacións da costa e o interior das Rías Baixas, recibiu unha calorosa acollida. Celia Freijeiro, a súa protagonista, atopa na provincia de Pontevedra o lugar perfecto para facer unha paréntese na súa atarefada vida como actriz e gozar da natureza. “Despois de Cannes, Vida perfecta en Barcelona e o teatro en Madrid necesitaba volver á miña terra, conectar comigo mesma e descubrir sitios que non coñecía”, contoulle a actriz ao público, sentada xunto ao resto de participantes ao redor dunha mesa con té de camelias das Rías Baixas servido nun xogo deseñado por Ana Tenorio, gañadora do Premio Nacional de Artesanía.

 

Presentación Sigue tu Instinto

Jazmín Abuín, que tamén reside en Madrid, confesou que escapa ás Rías Baixas sempre que pode, mentres que Xabier Fortes animou a visitar a provincia en calquera época do ano. “É unha marabilla gozar dunha posta de sol nas tres rías, baixar á praia de Lapamán ou coller un barco á illa de Ons e deixarte acariñar pola brisa mariña”, suxeriulle ao público.

Deportistas de élite

Outro dos vídeos que se proxectaron en Fitur 2020 está protagonizado por deportistas de elite da provincia de Pontevedra. Rodrigo Conde (remo), Pablo Dapena (tríatlon), Desirée Vila (atletismo), Susana Alonso (ciclismo de montaña) e os irmáns Rodríguez Hortas, Roi (piragüismo) e Iria (tríatlon, piragüismo e atletismo), explican como a natureza das Rías Baixas as e os motiva para concentrarse e superar os seus propios límites. “Chegaron tan alto porque a natureza lles dá a forza que precisan”, explicou a presidenta da Deputación.

Unha exclusiva caixa de agasallo

O obsequio que a Deputación de Pontevedra entregou en Fitur foi outra das grandes sorpresas da presentación. Trátase dunha caixa de madeira que garda bombas de sementes de breixo, de herbas de San Xoán e outras denominadas Brisa Atlántica, e en cuxa elaboración participaron a empresa de produtos sustentables Resetea e persoas con diversidade funcional do Centro Juan María de Nigrán. Ademais, as 500 caixas fabricadas forman parte dun mural pintado polas artistas Doa Oa e Elara Elvira. “Levades un agasallo exclusivo, unha obra de arte que contén natureza das Rías Baixas”, comentou Carmela Silva. Noutro vídeo, tamén proxectado hoxe, amósase como se confeccionou o obsequio.

Vídeo premiado

Por outra banda, o vídeo oficial de “Fame de experiencias”, da campaña turística da Deputación de Pontevedra en 2019, foi premiado onte como o mellor traballo audiovisual da anterior edición de Fitur. A peza, que xira ao redor da gastronomía da provincia, correu a cargo de Esmerarte Industrias Creativas, que tamén produciu o vídeo de “Sigue o teu instinto” e, anteriormente, “Somos historias” (a campaña de 2018, centrada na figura da escritora María Vinyals).

“Veñan ás Rías Baixas. Detéñanse, miren e reencóntrense coa natureza”, propuxo a presidenta da Deputación.