Fiestas en Rías Baixas
Atrás

La Feira do Cocido, fiesta de Interés Turístico Internacional (Noticia)

A Feira do Cocido, sexta Festa de Interese Turístico Internacional nas Rías Baixas e a primeira gastronómica en España

O evento, que o 16 de febreiro chega a súa 52.ª edición, recibe a máxima distinción da Secretaría de Estado de Turismo

Feira do Cocido de Lalín

A Feira do Cocido de Lalín converterase moi pronto na primeira Festa de Interese Turístico Internacional de España de carácter gastronómico. O multitudinario evento que rende culto a un dos pratos clásicos da cociña de inverno nas Rías Baixas e Galicia obtivo da Secretaría de Estado de Turismo o máximo recoñecemento que lles outorga ás grandes festas. A provincia de Pontevedra pasa a sumar, así, seis eventos de alcance internacional ao sumarse a Feira do Cocido á Arribada de Baiona, ás alfombras do Corpus de Ponteareas, á Festa do Albariño de Cambados, á Romaría Viquinga de Catoira e á Rapa das Bestas de Sabucedo.

A gran festa de Lalín tivo lugar por primeira vez en 1969 como unha xornada de exaltación gastronómica, e hoxe atrae decenas de miles de persoas á capital de Deza para degustar o seu famoso cocido. O evento, que abre a tempada de grandes Festas de Interese Turístico na provincia de Pontevedra, terá o seu día grande este ano o 16 de febreiro, pero xa está en marcha o Mes do Cocido, no que 24 restaurantes da localidade ofrecen este saboroso prato ata o comezo da feira.

 

Cocido de Lalín

Comarca do Deza

A festa é a antesala do Entroido, e acudir a degustar o cocido a Lalín preséntase como a ocasión ideal para coñecer as terras de Deza. Integrada tamén polos municipios de Silleda, Agolada, Rodeiro, Dozón e Vila de Cruces, esta comarca do interior das Rías Baixas ofrece un conxunto de paraxes espectaculares, entre elas a fervenza do río Toxa, o mosteiro de Carboeiro, os pendellos de Agolada, a serra do Candán, as illas de Gres ou o pazo de Liñares.

A provincia de Pontevedra conta ademais con catro festas de Interese Turístico Nacional (a Reconquista de Vigo, a Festa da Lamprea de Arbo, a Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa e a Festa do Marisco do Grove), e outras 42 de Interese Turístico de Galicia.