Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia impacto Covid y adelanto Plan Estratéxico de Turismo

A Deputación terá en maio un estudo do impacto da COVID-19 no turismo e adianta o novo Plan Estratéxico

O Goberno Provincial reúne o xoves 16 a Mesa Provincial de Turismo para buscar solucións con todo o sector

A Deputación de Pontevedra convértese nunha das primeiras administracións provinciais do Estado en encargar un estudo de análise sobre o impacto da pandemia da COVID-19 no turismo a fin de ter un "diagnóstico rigoroso con tendencias e datos" que permitan avaliar a situación con seguridade e certeza co ánimo de tomar as mellores decisións "para un sector que posiblemente foi o primeiro en sufrir as consecuencias da crise e que pode ser dos últimos en saír dela".

A presidenta, Carmela Silva, deu conta hoxe deste exhaustivo estudo de análise na reunión do Comité de Seguimento da COVID-19, unha diagnose que estará finalizada este mes "e da que disporemos xa nos primeiros días de maio. Queremos coñecer as tendencias de por onde vai ir o turismo no corto e no medio prazo para poder traballar o antes posible en reorientar o noso modelo para a provincia", engadiu.

Co mesmo obxectivo, a presidenta da Deputación tamén informou da inminente elaboración dun novo Plan Estratéxico de Turismo para a provincia de Pontevedra. "Estaba previsto en 2021 porque o plan que temos en vigor remata aínda no próximo decembro, pero temos que anticiparnos para desenvolver accións que nos permitan enfrontar o que, sen dúbida, será unha nova realidade".

Carmela Silva insistiu na necesidade de traballar en colaboración con todas as administracións e anunciou que o vindeiro xoves reunirá a Mesa Provincial de Turismo. "Temos que traballar xuntas e xuntos para ser capaces de implementar accións conxuntas. De feito, nesa liña tivemos a reunión telemática coa Rede de Destinos Intelixentes de España, e o xoves celebraremos a Mesa provincial para a que xa convocamos ao sector, os concellos, os xeodestinos, o aeroporto de Vigo e a Xunta, para tomar decisións". Nese sentido, a presidenta provincial agradeceulle ao conselleiro de Turismo "que escoitase a demanda que a Deputación de Pontevedra lle fixo o pasado día 3 para reunir os destinos galegos e nos convocase para mañá martes á reunión do Consello Reitor".

Silva: "Coa unidade do sector público e privado sairemos fortalecidos"

Silva volveu mostrar a súa preocupación "por un sector que ten tanto peso na nosa provincia onde, ademais, tiñamos experimentado un crecemento exponencial sendo un destino moi ben posicionado que non queremos perder. Por iso, as administracións temos que ser moi activas. Estou convencida de que imos saír xuntas e xuntos desta situación, e coa unidade do sector público e privado sairemos fortalecidos".

Ademais destas convocatorias, a Deputación potenciará aínda máis as súas accións; entre elas, a ampliación das edicións anuais da aceleradora para empresas turísticas a fin de achegar as TIC a máis establecementos. Tamén se incrementará a formación para a calidade e a excelencia das empresas SICTED, na que máis de cen establecementos seguiron en liña os cursos para a obtención ou revalidación do certificado.

Tamén se están a impulsar novas iniciativas de promoción da provincia coma as campañas "Viaxa mañá" ou "21 días, 21 destinos" que están a ter moita repercusión nas redes, ou de turismo de natureza coma "Aves desde casa".

En definitiva, información constante sobre o destino de Pontevedra Provincia, tanto de interior coma de costa, na páxina web institucional e na de Turismo Rías Baixas. "Hoxe estamos na casa", rematou Carmela Silva, "pero para o día que xa podamos saír temos que traballar para estar completamente preparadas e preparados e dicirlle a xente que pode volver, que somos un destino seguro, saudable e coa diversidade e a beleza de sempre".