Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Nuevas ayudas para las actividades turísticas en la provincia de Pontevedra

Novas axudas para as actividades turísticas na provincia de Pontevedra

A Deputación provincial destinará 130.000 euros para subvencionar accións entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018

Coa finalidade de promocionar e estimular un sector turístico competitivo, de calidade, accesible e sustentable na provincia, a Deputación de Pontevedra lanza un programa de subvencións para promover accións e actividades turísticas este ano. A natureza, o medio ambiente, a paisaxe, o patrimonio cultural ou a gastronomía serán algúns dos recursos turísticos a promover mediante esta iniciativa. As accións deberán transcorrer entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

As accións que obteñan axudas da Deputación de Pontevedra no mesmo exercicio non poderán optar a esta subvención

Aquelas entidades que non pertenzan á Administración Pública, que carezan de ánimo de lucro e que conten con domicilio social na provincia de Pontevedra, ademais de estar ao corrente das obrigacións coas diferentes administracións, poderán beneficiarse destas axudas. A información está detallada no Boletín Oficial da Provincia.

Por outra banda, as actividades que obtivesen subvencións da Deputación de Pontevedra no mesmo período, os gastos correntes ou as viaxes e excursións de lecer que carezan de contido turístico, non serán subvencionables.

As axudas non excederán os 7000 euros por proxecto

O financiamento total deste programa de subvencións será dun total de 130.000 euros. A dotación económica non excederá o 70 % do orzamento nin superará os 7000 euros por proxecto. Ademais, os beneficiarios deberán xustificar os gastos e o cumprimento dos obxectivos para os que se lle concedeu a axuda.

As persoas interesadas poderán presentar unha única solicitude mediante un formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, achegando a documentación correspondente. Toda a documentación sobre esta iniciativa está dispoñible no Boletín Oficial da Provincia.