Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Cuidado Los Vikingos asaltan las Rías Baixas

Coidado! Os Viquingos asaltan as Rías Baixas

Catoira celebra como cada ano a Romaría Viquinga, unha festa de Interese Turístico Internacional que recrea a chegada dos nórdicos, con actividades ata este domingo

Fiesta vikinga en Catoira, Pontevedra

Chega á localidade de Catoira a edición número 58 da Romaría Viquinga, a súa festa máis recoñecida tanto a nivel nacional como internacional. Aínda que haberá actividades durante esta semana, o seu momento álxido celébrase o domingo, coa representación da chegada ás Torres do Oeste dos bravos saqueadores, que regresan mil anos despois de que entrasen pola Ría de Arousa para roubar os tesouros de Santiago de Compostela.

O programa que ofrece na súa semana grande este municipio da provincia de Pontevedra inclúe actividades para todos os públicos. A novidade deste ano chega co espectáculo “Follow The Vikings”, que se une a outras actividades como deportes acuáticos, charlas, música medieval para ambientar as rúas, concertos nocturnos, xogos e espectáculos circenses para nenas e nenos, gastronomía popular, fogos de artificio e o desembarco máis esperado de todo o ano nas Rías Baixas.

“Follow The Vikings”, espectáculo en estado puro

Fiesta vikinga en Catoira, Pontevedra

Hoxe chegan os Viquingos máis internacionais con “Follow The Vikings”, unha espectacular representación teatral que fusiona música, danza e cultura e que visita por primeira vez España tras o éxito noutros países. O recinto das Torres do Oeste será testemuña de dúas funcións hoxe e mañá ás 22:30 horas. As entradas, das que xa se venderon máis dun milleiro, poderanse adquirir en despacho de billetes polo módico prezo de 2 euros.

Durante a xornada do venres, ademais da segunda sesión do espectáculo “ Follow The Vikings”, haberá actividades doutros ámbitos como o deporte, coa cuarta edición do "Descenso Viquingo en Piragua", ás 17:30 no río Ulla; e para a cultura, cunha charla titulada “Viquingos do Norte”, que ofrecerá o arqueólogo Andreas Forsgren, sobre os viquingos e as súas distintas facetas como guerreiros, comerciantes, navegantes e exploradores. O coloquio será ás 20:00 horas na sala Celso Emilio Ferreiro, no Multiusos de Catoira.

Actividades infantís, gastronomía e a mellor música

O fin de semana a música medieval alagará a Avenida Eloy Domínguez coa actuación dos Gascones, e actividades durante o día para as máis pequenas e pequenos da casa con xogos viquingos,espectáculo de malabares, con Pablo Trasno, e teatros circenses coa actuación de Amontoados por Azar. Ademais ata o domingo poderás gozar do mercado medieval do bar O Galeón Viquingo, un entrañable negocio decorado con todo tipo de elementos propios da cultura nórdica.

O deporte inaugurará a xornada do sábado coa "III Regata Memorial Felipe Aragunde de Promoción do Piragüismo", na praia fluvial de Catoira a partir das 11.30 horas. Pola noite celebrarase a tradicional“Cea viquinga”, coa participación de 800 comensais para a que as entradas están esgotadas, e o espectáculo de fogos de artificio coa "Noite da Luz" . Finalmente, ás 00:30 horas, tras o espectáculo pirotécnico, será a quenda para Vikinsons coas actuacións musicais de Versión B, Falperrys, Liska e Baiuca na praia fluvial.

Os viquingos conquistan Catoira

O domingo ás 10:00 horas haberá un desfile de grupos folclóricos que se desprazarán desde a praza do Concello ata o recinto das Torres do Oeste, onde as e os participantes poderán gozar dunha degustación de mexillóns, viño tinto do Ulla e do mercado tradicional, quentando motores para a chegada do esperado Desembarco Viquingo, que comezará ás 13:00 horas.

As beiras, a ponte, onde se funden a Ría de Arousa e o río Ulla, e arredores, énchense de xente para presenciar a posta en escena do asalto ás torres dos exércitos nórdicos, que chegan embarcados en reconstrucións dos drakkar viquingos. Nesta aventura a bordo, só poderán embarcarse 130 participantes debido á capacidade das embarcacións. Despois do desembarco realízase unha recreación do enfrontamento en defensa das Torres para deter a invasión. Finalmente, pola noite, Roi Casal será o encargado de despedir aos viquingos cun concerto na Alameda ás 22:30 horas.

Etiquetas: portada