Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Revenidas: 25 conciertazos, tres días de fiesta y una gran sardiñada

Revenidas: 25 concertazos, tres días de festa e unha gran “sardiñada”

O festival celebra o seu décimo quinto aniversario cun enérxico cartel e actividades para todos os públicos os días 17, 18 e 19 de agosto no porto de Vilaxoán de Arousa

Festival Revenidas en Vilaxoan de Arousa, Pontevedra

O festival Revenidas pechará o pano dos #RíasBaixasFests2018 a próxima semana, e farao ao grande, con 25 concertazos e a gran “sardiñada” popular que congrega a miles de persoas na contorna do porto de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa).

Revenidas 2018 foi presentado esta mañá nesta vila mariñeira, nun acto amenizado pola Coral Polifónica de Vilaxoán, unha proba da comuñón que existe entre o evento e as veciñas e veciños. O festival alcanza a súa décimo quinta edición, que contará no seu cartel con El Drogas, The Real McKenzies, Keltoi!, Steven’N’Seagulls, Cuarta Xusta, Dakidarría e Zoo, entre outras e outros artistas e bandas.

“Revenidas é un espazo para a música, a cultura, a lingua e a gastronomía ”, destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, para subliñar que “as administracións teñen a obriga de estar ao lado das grandes iniciativas veciñais como este festival”. O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, resaltou pola súa banda que Revenidas, denominado como “O festival das linguas” e caracterizado por estar fortemente comprometido con Galicia, é un evento “xa consolidado a nivel nacional e internacional”.

El Drogas, The Real McKenzies, Soziedad Alkoholika ou Steven’N’Seagulls son algúns dos nomes do cartel deste festival xa consolidado a nivel nacional

Os responsables da organización apuntaron á gran sardiñada como o momento cume do festival, e destacaron tamén a presenza de El Drogas na súa xira de despedida. “En Revenidas hai unha convivencia entre xente de todas as idades”, apuntou Xosé Leal, o deputado provincial de Cultura e Lingua. Xurxo Souto, xornalista, escritor e exvocalista de Diplomáticos de Montealto, fixo fincapé na participación da Coral de Vilaxoán no festival de músicas emerxentes no porto de Vilaxoán .

Festival Revenidas en Vilaxoan de Arousa, Pontevedra

Horarios dos concertos

Os concertos de Revenidas arrincarán o venres ás 20.30 horas e saltarán aos dous escenarios sucesivamente Ezetaerre, Joan Garrica & Galactic Mariatxis, Soziedad Alkoholika, The Real McKenzies, Ayax e Prox, Keltoi!, Balkan Bomba e María Turme DJ.

O sábado tocaralles a quenda a partir das 21.30 horas a Cuarta Xusta, El Drogas, Steven ‘N’ Seagulls, NH3, Tremenda Jauría, Glaukoma e DJ Isaac Peces. O domingo, no parque de Dona Concha, actuará ao mediodía The Dawlins, e desde as 17.20 chegarán os concertos de El Diluvi, High Paw & Elephants Yard, Banda Xangai, Zoo, Russkaja, Auxili, Xavi Sarrià e Dakidarría.

Gran Gala, artesanía, gastronomía e outras actividades

Ademais, o festival inclúe concertos pola Ría de Arousa , artesanía, food trucks, xogos populares e actividades para todos os públicos. A gran sardiñada, o sábado, estará amenizada por Os Terribles de Arousa, Olodum do Coio, Coro Encaixe e GaliFunk Brass Band. Tamén se celebrará a Gran Gala de Circo tradicional no festival. A organización ofrece cámping gratuíto ás e aos asistentes que queiran pasar unha ou varias noites ata completar o aforamento.