Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Unha viaxe sobre dúas rodas polo sur de Galifornia

Unha viaxe sobre dúas rodas polo sur de Galifornia

O itinerario da ruta en moto Patrimonio Rías Baixas pola provincia de Pontevedra permitirá dar a coñecer o seu marabilloso patrimonio cultural, histórico, artístico e natural

A Ruta Galifornia, que conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, congrega a 35 influencers de varias disciplinas como fotógrafas y fotógrafos, publicistas, deseñadoras e deseñadores e persoas apaixonadas polo mundo do motor.

Este colectivo, que suma centos de miles de seguidoras e seguidores nas súas redes sociais, xa iniciou esta ruta en moto pola provincia de Pontevedra, un itinerario durante cinco días que será a voz das Rías Baixas mostrando ao mundo os seus marabillosos recunchos.

O percorrido polas Rías Baixas, con cinco tramos durante cinco días, partiu esta mesma mañá desde o pazo Quiñones de León, no Parque de Castrelos (Vigo). Á cita acudiron, ademais das e os participantes, o deputado de Turismo, Santos Héctor, e o presidente da Fundación Galifornia, Pablo Riera, que presentou a terceira edición da ruta.

O deputado incidiu na importante repercusión turística que terá este percorrido grazas á difusión que as e os “influencers” daranlle nas súas contas. “Sempre dicimos que #SomosHistorias, que é o lema da nosa campaña deste ano. Somos patrimonio, cultura, gastronomía, natureza... Coa vosa viaxe vasnos axudar a contalas”, explicou Santos Héctor.

O percorrido da ruta moteira Patrimonio Rías Baixas será de 776 quilómetros por toda a provincia e finalizará na cidade de Pontevedra. Ao longo da viaxe, durante as paradas, faranse reportaxes fotográficas en multitude de puntos de interese, monumentos e outros bens do patrimonio das Rías Baixas que gozan dunha magnífica beleza paisaxística. A gastronomía tamén estará presente coas mellores especialidades culinarias e os viños típicos da provincia de Pontevedra.

Esta é a folla de ruta desta experiencia sobre dúas rodas:

Ruta en Moto por las Rías Baixas
Galifornia, ruta en Moto por la provincia de Pontevedra

Etapa 1: Vigo-Mondariz

Recentemente saídos da cidade olívica, as e os participantes da ruta gozarán de marabillosas vistas á ría e dirixiranse cara á preciosa vila medieval e mariñeira de Baiona. As estradas costeiras do Atlántico levaranlles ata A Guarda, a beiras do Río Miño. Un punto imprescindible no seu itinerario é o xacemento arqueolóxico máis importante de Galicia, Santa Trega.

A seguinte parada será no magnífico Balneario de Mondariz, unha das vilas termais españolas por excelencia. Durante o traxecto visitarán lugares como a catedral de Tui, Arbo (onde degustarán a súa deliciosa Lamprea), e o castelo de Sobroso.

Etapa 2: Mondariz-Lalín

Esta segunda etapa que parte do municipio de Mondariz penétrase na provincia de Pontevedra, percorrendo as serras de O Xuído, O Cando e O Candán, que esconden recunchos como a praia fluvial de Maceira, que loce unha paisaxe espectacular. Ademais, esta etapa permite facer unha viaxe ao pasado ao visitar o Parque Arqueolóxico da arte Rupestre de Campo Lameiro , para coñecer os petróglifos de Galicia e aproximar a estas aventureiras e aventureiros sobre rodas á vida cotiá dos nosos devanceiros. Desde alí as motos tomarán rumbo ao pazo de Liñares (Lalín), para coñecer a cultura castrexa no Centro de Xestión e Coñecemento Arqueolóxico da cultura dos Castros (CXCA).

Etapa 3: Lalín-Vilagarcía de Arousa

O interior da provincia de Pontevedra ofrece nesta etapa unha grande riqueza arquitectónica, paisaxística e natural. Ao saír de Lalín, a Ruta Patrimonio Rías Baixas conduce ao magnífico mercado medieval dos Pendellos de Agolada, de grande importancia grazas ao seu perfecto estado de conservación. Viaxando cara a Silleda, espera unha xoia do Románico como é o Mosteiro de Carboeiro, e tamén unha xoia da natureza, a fervenza do río Toxa.

Na Estrada as e os “influencers” gozarán dun paseo polos impoñentes xardíns do pazo de Oca e máis tarde poderemos visitar a vila termal de Caldas de Reis. Finalmente, chegando case a Vilagarcía de Arousa, deixaranse contaxiar pola cultura viquinga nas Torres do Oeste de Catoira.

Etapa 4: Vilagarcía de Arousa-O Grove

A ría de Arousa agarda para pasear pola súa costa, desde Faro de Punta Cabalo, na Illa de Arousa, que ofrece preciosas vistas e praias paradisíacas. O itinerario polo litoral das Rías Baixas leva a gozar dunha terra de magníficos viñedos como é a vila de Cambados. Alí, as e os participantes da Ruta Galifornia gozarán das Ruínas de Santa Mariña de Dozo e da magnífica contorna da Torre San Sadurniño no illote da Figueira, onde se libraron múltiples batallas. Antes de chegar á vila mariñeira do Grove o percorrido mostra unha das mellores postais da ría de Pontevedra.

Etapa 5: O Grove-Pontevedra

O martes, a última etapa desta expedición en moto pola provincia de Pontevedra arrinca no Grove e segue por Sanxenxo, cruzando a impoñente praia da Lanzada. Tras o paso polo centro turístico por excelencia das Rías Baixas as motos deteranse en Combarro (Poio), co centro histórico máis diminuto de Galicia.

Na outra beira da ría de Pontevedra esperan Marín, Bueu e Cangas, con fermosas praias e magnificas rutas de sendeirismo por Cabo Udra e Cabo Home. Un paseo polo glorioso castelo de Soutomaior será o último alto no camiño ata chegar ao destino final, Pontevedra. Nesta cidade peonil as e os motoristas vagarán e gozarán do ambiente das prazas, un dos acenos de identidade da capital de provincia.