Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - 8 playas para perros en la provincia de Pontevedra

8 praias para cans na provincia de Pontevedra

As Rías Baixas contan este verán 2018 con oito arenais “dog friendly” para mascotas en O Grove, Vigo, Redondela, Cangas do Morrazo e Vilanova de Arousa

Playas para perros en Pontevedra y Rías Baixas

As mascotas forman parte da vida cotiá das persoas, ata o punto de seren consideradas como un membro máis na familia. Estes amigos peludos acompañan os seus donos e donas en actividades de lecer, citas deportivas, paseos… e mergullos.

Organizar plans cos nosos cans pode ser ás veces complicado, xa que teñen limitado o acceso a moitos lugares, non só locais, senón tamén parques, praias ou outros recintos. Atoparareais para mascotas durante a temporada estival pódese converter nunha ardua tarefa, e cando vai calor, moitas e moitos son os que pensan nun bo baño para os seus fieis compañeiros.

En 2018, a provincia de Pontevedra conta cun total de 8 praias para cans, denominadas dog friendly, para poder gozar dunha divertida xornada estival en compañía destes amigos de catro patas. A continuación mostrámosche cales son os areais amigos das mascotas nas Rías Baixas.

Dous dos areais, no Grove

A praia do Espiño atópase xunto ao porto deportivo Pedras Negras, no Grove. Cunha extensión de 75 metros, poderás gozar co teu “mellor amigo” neste espazo tranquilo de branca area fina e pouca ondada.

Á beira atópase unha pequena cala de area branca e fina, con 50 metros de lonxitude: O Portiño. Trátase dunha praia resgardada, con augas tranquilas e unha magnífica vista de postal coa Illa de Ons como protagonista.

O Grove foi distinguido o ano pasado como o segundo mellor destino dog friendly de España, un recoñecemento outorgado pola axencia Travel Guau para premiar a empresas e entidades públicas que fan do territorio español un destino de vacacións máis amigable coas mascotas.

A Cunchiña, en Cangas

Fronte á antiga fábrica conserveira Massó, en Cangas, atópase este areal ideal para visitar coa túa mascota. Unha praia fantástica para gozar dun baño na tempada estival e que, ao atoparse en plena ría de Vigo, goza de augas tranquilas e máis tépedas que noutros areais abertos ao mar. Conta cun fácil acceso e dispón de aparcadoiro para facilitar a visita.
 

Cesantes e Chapela, en Redondela

En Redondela, na área central da praia de Cesantes, atópase unha zona canina duns 150 metros coñecida como Os Asteleiros. Unha magnifica praia de area dourada e augas tranquilas desde a que poderás gozar dunha vista espectacular da ría de Vigo coa illa de San Simón como protagonista.

Neste mesmo municipio, á beira do porto de Chapela e situada no paseo de Cardona, atopamos unha pequena cala a uns 100 metros da praia de Arealonga. Poderás gozar deste areal sempre que baixe a marea, xa que cando sobe, queda completamente cuberto.

O Castelete, Vilanova de Arousa

Esta praia situada en Vilanova de Arousa conta cunha extensión duns 200 metros. De area dourada e augas tranquilas, conta cun fácil acceso tanto a pé coma en coche, xa que está situada á beira da estrada e conta cun valo para protexer os nosos amigos de catro patas.

A Foz e A Calzoa, en Vigo

Estas dúas praias da zona de Coruxo, na localidade de Vigo, atópanse unha á beira da outra. A Foz, bañada tamén polo río Lagares ao atoparse a lado da súa desembocadura, loce area fina e conta cunha extensión duns 300 metros. Á beira, A Calzoa, cuns 120 metros, está recomendada para cans de maior tamaño, xa que o seu areal rochoso podería danar os exemplares máis pequenos.