Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Tui celebra el Descenso do Miño, su travesía multitudinaria

Tui celebra o Descenso do Miño, a súa travesía multitudinaria

A localidade tudense acolle este sábado a VIII Festa do Miño, a primeira edición como festa de Interese Turístico de Galicia, que combina deporte, gastronomía, música e natureza

Fiesta Descenso del Río Miño en Tui, Pontevedra

Chega o descenso máis popular das Rías Baixas polo río Miño. Tui e a súa contorna serán o sábado escenario desta cita que conforma o seu programa con dúas probas deportivas: unha baixada para deportistas profesionais e amateur (o Descenso Internacional do Miño clásico); e unha máis cómoda para todas aquelas persoas que se apuntaron á cita (o Descenso Popular do Miño).

Ás probas deportivas deste evento, que estrea nesta edición a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, únese unha oferta gastronómica variada e a actuación musical do gaiteiro Anxo Lorenzo. Un encontro cunha privilexiada localización a beiras do río Miño.

Centos de remeiros

A celebración comezará o sábado ao mediodía cunha Romaría Popular na Ribeira de Caldelas, onde máis tarde haberá unha comida popular que será a antesala da oitava edición do Descenso Popular do Miño 2018, ás 16 horas. Este ano, esta proba deportiva para afeccionadas e afeccionados, organizada polo Club Kayak Tudense, o Concello de Tui e a Federación Galega de Piragüismo, baterá record de participación, xa que pechou a súa inscrición cunha cifra de 850 persoas.

Máis tarde, ás 18:30h, a cita deportiva terá lugar de novo a beiras do Miño, esta vez en Salvaterra de Miño, á beira da ponte internacional, desde onde arrincará o Descenso Internacional. Nesta proba participarán preto de 600 remeiros que tratarán de facerse coa vitoria e gañar o trofeo, unha obra do escultor Juan Oliveira.

Gastronomía e música tradicional

Desde as 20:00 horas as e os asistentes deste encontro poderán degustar os mellores produtos das Rías Baixas, coa VII Festa Gastronómica na rúa Lugo, onde haberá 24 postos de comida baixo o mando de diferentes asociacións culturais. Algunhas receitas como a empanada de millo, a tortilla, o pan de broa, a paella, os callos, os pementos de Padrón ou algunhas propostas culinarias veganas, completarán este menú apto para todos os públicos e con prezos que van ata os 3 euros.

Nesta cita, que fusiona deporte, gastronomía e natureza, a música tradicional virá da man do gaiteiro Anxo Lorenzo, que presentará en primicia, algúns temas do seu novo disco Vortex. A gaita deste magnífico músico soará a partir das 22:30 horas na rúa Lugo.