Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Siete rutas literarias por las Rías Baixas

Sete rutas literarias polas Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa AELG, organiza percorridos gratuítos na provincia entre o 25 de agosto e o 6 de outubro

Roteiros Literarios Deputación de Pontevedra

Co obxectivo de achegarse á literatura, á cultura e á lingua desde outra perspectiva, ademais de dar a coñecer a provincia, a Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), pon en marcha sete rutas literarias gratuítas entre o 25 de agosto e o 6 de outubro.

Moaña, Vilagarcía de Arousa, Cuntis, Vigo, Ribadumia, Meis, Barro, Tui e Bueu serán os lugares onde as e os asistentes poderán descubrir os segredos do patrimonio literario provincial, ademais de conversar con algunhas das autoras e autores das obras escollidas.

As sete rutas terán lugar todos os sábados do 25 de agosto ao 6 de outubro, entre as 11:30 e as 13:00 horas. Cun número máximo de 50 prazas para cada paseo para que a dimensión do grupo permita a comunicación fluída, todas as rutas son gratuítas, pero requírese inscrición previa a través do correo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando a proposta elixida e os datos de contacto das persoas participantes ata un máximo de catro prazas por inscrición.

Con esta proposta, cuxo número de rutas increméntanse de catro a sete polo éxito cultivado o ano anterior, preténdese, como destacou na súa presentación o deputado de Cultura, Xosé Leal, “poñer en valor o local e coñecer cada espazo de cada ruta en relación coa literatura”. E é que, como sinalou a escritora e representante da AELG, Marta Dacosta, “esta fórmula permite coñecer en detalle os lugares que enmarcan ou que nutren as obras literarias escollidas”.

As traballadoras do mar moañesas, pioneiras na loita polos dereitos laborais, protagonizarán a primeira ruta, guiada por Xosé Daniel Costas Currás

A primeira ruta, que contará co poeta Xosé Daniel Costas Currás como guía e a súa obra “Conservas” como fonte de inspiración, terá o 25 de agosto a Moaña e ás traballadoras do mar como protagonistas, pioneiras nesta localidade en loitar polos seus dereitos laborais e a profesionalización do sector. O punto de encontro será o porto de pasaxes, para percorrer despois a rúa Concepción Arenal e terminar no concello, centrándose nas rúas transversais que homenaxean a mulleres moañesas e na lectura poética en interacción co público.

A oferta complétana seis rutas máis que percorrerán a provincia. O 1 de setembro a quenda será de Marcos Calveiro, que guiará “O xardineiro dos ingleses” en Vilagarcía de Arousa. A ruta ao redor da figura de Roberto Branco Torres, con Marcos Seixo, e “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta” con Ledicia Costas serán as citas en CuntisVigo os sábados 8 e 15 de setembro. En Ribadumia, Meis e Barro terá lugar o día 22 o percorrido en autobús “Seique, quando os passeios eram morte”, con Susana Sánchez Arins, mentres que o último sábado do mes de setembro “Tui na literatura” protagonizará o percorrido de Marga do Val. A última proposta de percorrido literario levará a cabo en Bueu, onde Lucía Novas homenaxeará ao seu ilustre literato Johan Carballeira.