Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Salvaterra de Miño brinda co viño do Condado do Tea

Salvaterra de Miño brinda co viño do Condado do Tea

A cita gastronómica e vitivinícola deste municipio das Rías Baixas, unha das máis lonxevas de Galicia, celebrarase do 24 ao 26 de agosto

Cartel Festa do Viño 2018

Mañá comeza a LIX Festa do Viño do Condado do Tea de Salvaterra de Miño, declarada de Interese Turístico de Galicia, e a segunda festa gastronómica máis lonxeva da comunidade. O encontro terá lugar os días 24, 25 e 26 de agosto, no magnífico recinto amurallado da fortaleza de Dona Urraca, declarado Ben de Interese Cultural. A situación desta localidade a beiras do Miño e do Tea e o seu magnífico clima fan desta, un lugar perfecto para o cultivo do seu magnífico caldo Condado do Tea D.O. Rías Baixas. Esta cita, unha das máis importantes de Galicia, reúne a adeptas e adeptos da gastronomía típica galega e do bo viño.

As celebracións comezarán oficialmente este venres, aínda que como antesala, xa levaron a cabo diversas actividades ao longo desta semana, como catas de diferentes viños brancos e tintos das Rías Baixas e outras denominacións galegas como Monterrei, Ribeira Sacra ou Ribeiro. Algún dos actos máis importantes desta festa son o nomeamento dos novos confrades da Confraría do Viño do Condado do Tea e a cata oficial do sábado, Á Procura dos Deliciosos, que ten como finalidade premiar aos mellores viños do ano entre as propostas das distintas adegas participantes.

Este venres ás 20:00 h será a inauguración oficial desta magnífica cita vitivinícola coa apertura dos postos gastronómicos, cos mellores produtos do mar, do río e da terra, e as exposicións no recinto amurallado da fortaleza de Dona Urraca, en Salvaterra de Miño. A velada estará acompañada, musicalmente, coa actuación da Banda de Gaitas de Pontenova e a charanga Vai K Pinta. A partir das 23:00 horas actuarán os grupos Os Coribantes de Buchabade e Milsons’s.

A protagonista indiscutible da xornada do sábado, será a cata oficialÁ Procura dos Deliciosos, a partir das 11:00 horas, na que participarán 28 adegas con máis de medio centenar dos mellores caldos do Condado do Tea D.O. Rías Baixas. A partir das 13:00 horas, as charangas Airiños de Galicia e Noroeste, amenizarán o recinto con música, creando un ambiente festivo excepcional. Esa mesma noite, ás 23:00 horas celebraranse os concertos de Roi Casal, co seu espectáculo “Son galego son cubano” e Pelepau, o conxunto vigués que adapta os temas máis tradicionais do repertorio galego á percusión.

O domingo haberá un desfile de grupos folclóricos, bandas de gaitas e charangas que precederán á recepción das confrarías na praza do concello. Máis tarde, esta comitiva desfilará ata a fortaleza de Dona Urraca, onde se celebrará unha misa solemne. O acto central chegará ás 12:00 horas, co nomeamento dos novos confrades da Confraría do Viño do Condado do Tea e a entrega dos premiosos “Viños Deliciosos do Ano”, que se entregarán aos mellores viños da anada. Ás 12:30 horas, Pilar Cernuda será a encargada da lectura do pregón, na última xornada desta magnífica festa, que concluirá cos concertos de Errantes e Baby Jane.

Etiquetas: portada