Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Dez días coa mellor gastronomía na Festa do Marisco do Grove

Dez días coa mellor gastronomía na Festa do Marisco do Grove

A localidade do Salnés, capital gastronómica das Rías Baixas desde este xoves, ofrecerá exquisiteces como o cangrexo real, o percebe, o camarón, o mexillón ou o polbo

Festa do Marisco O Grove

Coa chegada do mes de outubro volve unha das citas gastronómicas máis veteranas na provincia de Pontevedra, e das máis internacionais: a Festa do Marisco do Grove, que arrinca este xoves e chegará ao seu fin o 14 de outubro. Este encontro, que se celebra desde o ano 1963, combina dous dos alicerces máis importantes desta vila mariñeira: a pesca e o turismo. A praza do Corgo convértese no centro gastronómico das Rías Baixas durante 10 días de festa que ademais da mellor gastronomía, cata de viños, concertos, probas deportivas, actividades infantís e diversas feiras.

Un desfile de manxares das Rías Baixas

O Corgo será o centro neurálxico desta celebración e alí atópanse as carpas gastronómicas que ofrecerán ás e aos asistentes deliciosos manxares da ría. Algúns dos pratos presentes este ano serán as ostras, as ameixas á mariñeira, o polbo, mexillóns en distintas preparacións, arroz de mariscos, empanada ou o rodaballo . Compartirán mesa con outros mariscos clásicos no menú das Rías Baixas como os camaróns, o cangrexo real, nécoras ou os percebes. Os prezos oscilarán entre os 3,50 e os 15 euros, e ascenderán ata os 30 no caso do cangrexo real de maior tamaño.

O horario de apertura das casetas gastronómicas será de 12:00 a 16:30 h, pola mañá, e de 19:00 a 22:30 h, na quenda da tarde. O fin de semana ampliarase ata as 17 h na primeira quenda, e ata as 23 h no segundo. Ademais haberá demostracións de Cociña en Vivo desde este sábado ata o domingo 14 de outubro, excepto o xoves 11, que terá lugar a celebración da oitava edición das Xornadas Gastronómicas “A cociña do mar”.

Os caldos tamén terán o seu lugar neste evento o venres coa cata entre amigos “Ruta do Viño Rías Baixas”, ás 20 h. Para participar nesta actividade é necesario facer unha reserva previa en www.ataquilla.com ou chamando ao teléfono 902 504 500.

Haberá ademais sesións vermú, actividades infantís durante o fin de semana, de 17 a 20 h, e charangas que crearán un fantástico ambiente no Corgo, ademais doutras actuacións como a Asociación Cultural Cantodorxo ou a de Amigos do Acordeón das Rías Baixas. Pola noite unha sucesión de grandes artistas como Morgan, Sés, C Tangana, Bag Gyal, The Charlatans ou Eagle Eye Cherry, protagonizarán os esperados concertos. Finalmente o sábado 13 ás 22 h chegará a “Noite Meiga” coa Gran Queimada.

Festa do Marisco O Grove

O Corgo homenaxea ao mundo da gastronomía

Ao redor desta cita gastronómica entregaranse diversos galardóns a personaxes do mundo da cociña . O primeiro deles será o Premio Nacional Lola Torres, dirixido a chefs que destacan polo seu labor entre os fogóns e que polo menos conten con 25 anos de experiencia. A súa entrega producirase o luns 8 de outubro ás 12 h. Este galardón nace como unha homenaxe ás cociñeiras galegas, como a que dá nome ao premio, que puxeron en valor o receitario tradicional das Rías Baixas.

Este ano un total de 139 aspirantes optan a este galardón que xa recibiron responsables de restaurantes como Casa Lucio (Madrid), o Celler de Can Roca (Xirona) ou mesmo o chef vasco Juan Mari Arzak. Ademais o venres 12 terá lugar a gala de entrega da “Centola de Ouro” ás 20 h, un recoñecemento dirixido a persoas, institucións ou empresas que contribúen na promoción turística do Grove e no desenvolvemento da propia festa. O día seguinte celebrarase o XL Concurso de Pratos de Mexillón “Amegrove” ás 17:30 h.

A que soa o marisco?

A música tradicional e as propostas máis actuais desfilarán pola carpa de concertos do Corgo durante estes 10 días de festa. Serán artistas autóctonos e outras e outros de proxección nacional, e mesmo internacional, as e os encargados de poñer a banda sonora a esta celebración. O horario destes concertos será entre as 22 e as 23 h cada día.

Algunhas e algúns dos artistas que forman parte do cartel son Morgan e Freedonia, que actuarán o día 5; The Charlatans, o día 6; C Tangana, o día 7; Ses, Mercedes Peón e Sonia Lebedynski, o día 11; Bad Gyal e Muchachito, o día 12, e Eagle Eye Cherry na xornada do 13 de outubro, este último encargado de poñer o broche de ouro a esta festa xunto a outros grupos como Sexi Sadie ou Los Árboles.

O deporte dáse cita neste encontro gastronómico das Rías Baixas

Este fin de semana celebraranse dúas probas deportivas: unha marítima e outra terrestre. O sábado terá lugar a Regata de Dornas “a vela” no Campo de Regatas do Porto do Grove ás 16 h e o domingo a cita trasládase ata o Paseo de Beiramar, punto de saída da décima edición da Carreira Popular da Festa do Marisco ás 10 h.

Etiquetas: portada