Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Aberto o prazo das visitas teatralizadas ao castelo de Soutomaior

Aberto o prazo das visitas teatralizadas ao castelo de Soutomaior

Unha guía con pistas, probas e xogos permitirá a nenas e nenos obter o diploma de detectives da fortaleza tras percorrer o museo

Visita teatralizada

As visitas teatralizadas regresan ao castelo de Soutomaior con dez funcións nas que personaxes históricos, cabaleiros, trobadores, bufóns, cociñeiros e ata a pantasma da fortaleza, coñecida como O Alemanote , acompañarán ás e aos participantes nun divertido percorrido polas distintas estancias desta xoia do patrimonio da provincia de Pontevedra.

As visitas celebraranse os días 14, 20, 21 e 28 de outubro con funcións ás doce e as cinco da tarde, e o 4 de novembro nos mesmos horarios. O prezo será de dous euros por persoa e as entradas poderán adquirirse a partir do luns 8 a través do correo castelodesoutomaior@depo.es achegando os seguintes datos: nome e apelidos, número de persoas (máximo cinco por reserva), día e hora da visita e teléfono de contacto.

“Cada visita, de 45 minutos de duración, vai ser unha auténtica aventura, con cancións, xogos e historias das persoas que pasaron polo castelo, aproveitando as novas salas interactivas do museo”, explicou esta mañá a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao anunciar esta nova edición dos percorridos teatralizados.

Guías para familias e escolares

Por outra banda, as e os visitantes do castelo contarán a partir de novembro con novo material para coñecer de forma divertida as reviravoltas históricas da fortaleza. “Reforzarase a interpretación dos contidos do museo a través do xogo”, apuntou Silva.

A guía, para nenas e nenos a partir de 6 anos de idade, estará composta por un caderno con xogos en clave de investigación, plano, respostas e un diploma. Para resolver os enigmas é necesario percorrer todas as salas. Ás familias que completen a guía (pistas, sopas de letras, sete erros, secuencias incompletas…) entregaráselles o diploma selado que lles recoñece como “Detectives do Castelo” pola súa pericia investigadora.

Rueda de prensa Carmela Silva

O material estará dispoñible en galego, castelán e inglés. “É unha forma lúdica, dinámica e interactiva de dar a coñecer o castelo de Soutomaior, facendo ás nenas e nenos coparticipes e coprotagonistas”, indicou a presidenta da Deputación.

Ademais destas guías poñeranse outras a disposición do profesorado que acuda á fortaleza en visitas escolares organizadas. Estas poderán descargarse na web do castelo con materiais de apoio. Entre os contidos inclúense preguntas sobre que é un castelo, sopa de letras sobre Cristóbal Colón e un xogo para coñecer a escritora María Vinyals , nacida na fortaleza de Soutomaior.

Récord de visitas

A musealización disparou as visitas desde a inauguración da mostra interactiva permanente a finais de maio. Percorrérona xa máis de 23.000 persoas, un 110 % máis que no mesmo período de 2017. “Só en setembro pasaron por alí máis de 4.000. É un rotundo éxito”, destacou Carmela Silva. Para o último trimestre do ano hai, ademais, reservas de 31 grupos organizados, dos cales 24 son turísticos e sete escolares.

Día Mundial do Enoturismo

Por outra banda o 11 de novembro, Día Mundial do Enoturismo, realizarase no castelo unha cata a cegas en colaboración coa Ruta do Viño Rías Baixas. A presidenta da Deputación explicou ao fío diso que está a piques de finalizar a vendima no castelo, con catro hectáreas de explotación vitivinícola. “As previsións de uva recollida son óptimas, cuns 16.000 quilos e unha calidade excelente. A vendima encargóuselle a Señorío de Rubiós, das Neves, e finaliza mañá”, detallou. A uva separarase este ano por variedades: albariña, godello e torrontés.