Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - As Rías Baixas conquistan cos seus tesouros á prensa internacional

As Rías Baixas conquistan cos seus tesouros á prensa internacional

Medios de Estados Unidos e Gran Bretaña réndense ás fermosas paisaxes naturais, á gastronomía e á vinicultura da provincia de Pontevedra

As Rías Baixas seducen a prestixiosos diarios internacionais, e a grandes cadeas de televisión de proxección mundial. Proba diso son os medios que, só no último mes, escribiron reportaxes ou emitiron documentais sobre este destino. A ría de Vigo e o sur da provincia na cadea americana ABC; a cidade de Pontevedra e as illas Cíes en TheGuardian; A Illa de Arousa no Sunday Times e en TheTelegraph; dúas adegas de Albariño en Wine&Spirits Magazine, e Combarro en El País, son algúns dos tesouros deste fantástico destino mostrados ao mundo por xigantes da comunicación.

A cadea americana ABC viaxa ao corazón da ría de Vigo

Este sábado a ABC, unha das cadeas de televisión máis prestixiosas de Estados Unidos, emitiu unha reportaxe sobre a ría de Vigo nun dos seus programas de viaxes, “Oceans Treks”, galardoado cun Emmy e presentado polo soado biólogo Jeff Corwin.

Neste especial, o presentador embarcouse nunha fantástica aventura a bordo dun pesqueiro para coñecer de preto o cultivo dos mexillóns nas bateas e o proceso de recollida desta exquisitez das Rías Baixas. Tras coñecer esta arte tradicional, o condutor do programa, en compañía dun cociñeiro, aprendeu a elaborar paso a paso un delicioso prato de arroz de mariscos.

Ademais da gastronomía e o mar, este intrépido científico e viaxeiro quixo coñecer de preto un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Galicia, o castro de Santa Trega. Nesta aventura, o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, foi o encargado de mostrar ao condutor do programa algúns dos segredos mellor gardados da morada dos antigos poboadores da provincia de Pontevedra.

The Guardian exhibe o modelo peonil de Pontevedra e a beleza de Cíes

Fai tan só unhas semanas, un dos xornais máis populares do Reino Unido e de fama internacional,The Guardian, encomiaba o modelo de cidade sen coches da cidade de Pontevedra. Este artigo, escrito por Stephen Burgen, cualificaba ao destino Rías Baixas como paraíso e describía o agradable que é pasear polas súas rúas e gozar do canto dos paxaros paseando entre camelias, e mesmo poder escoitar as conversacións da cidadanía.

Pois ben, a provincia de Pontevedra volveuno a facer. Agora o xornal británico publicou un artigo do escritor Oliver Balch, “illas Cíes, as illas do tesouro” que fala marabillas do arquipélago tras gozar dunhas vacacións familiares neste destino, ao que se refire como “exemplo mundial do ecoturismo”.

Balch fala impresionado sobre unha das mellores praias de España describindo as súas “augas cristalinas, as costas arborizadas, as montañas cubertas de bosques e as praias brancas”, ademais de aplaudir o feito da ausencia de coches e hoteis. Un dos aspectos máis positivos da illa, engade, é o feito de limitar as visitas, xa que se respira unha tranquilidade marabillosa para contactar coa natureza.

Ademais, o escritor cita a lenda do botín enterrado no arquipélago da frota de Sir Francis Drake, polo que se refire a Cíes como “illas de tesouros da vida real”.

O rotativo británico mantén desde fai máis dunha década un idilio coas Rías Baixas. Xa en 2007 colocou a Rodas no primeiro posto do ránking de mellores praias do mundo. Oito anos despois volveu eloxiar a beleza do arquipélago.

A Illa de Arousa, un segredo revelado polo Sunday Times e The Telegraph

A Illa de Arousa é un dos “lugares máis asombrosos de España dos que probablemente non oíses falar” segundo dous ránkings publicados polo Sunday Times e The Telegraph, dúas publicacións de orixe británica e de fama mundial.

Ambas as publicacións describen “as praias de area branca, ecosistemas dunares e densos bosques de piñeiros” da Illa de Arousa, ademais de recomendar diversas actividades como ciclismo, mergullo, navegación ou pesca. Outro dos atractivos deste magnífico lugar, segundo os artigos, é o de descubrir a gastronomía do lugar, coñecendo o cultivo das ostras, o do mexillón nas bateas, ou poder contemplar ás mariscadoras colleitando as ameixas cando a marea está baixa. A recomendación inclúe finalmente unha boa botella de albariño.

A D.O. Rías Baixas no TOP 100 mundial dos viños

A Denominación de Orixe Rías Baixas está de celebración. Dúas adegas con este selo de calidade aparecen no Top 100 da prestixiosa publicación norteamericana Wine&Spirits Magazine, unha delas máis tradicional, e outra de forte espírito novo.

A primeira delas, pazo de Fefiñáns, é todo un clásico da Denominación de Orixe Rías Baixas. Trátase dunha empresa familiar que, desde os primeiros anos do século XX, elabora viño coa variedade Albariño como estandarte nunha magnifica adega instalada no pazo de Fefiñáns, en Cambados. Algunhas das súas marcas son Albariño de Fefiñáns, 1583 Albariño de Fefiñáns ou Armas de Lanzós.

A outra galardoada, Forxas do Salnés, nace dun soño, concretamente o que tiña o bisavó da actual xeración. Esta adega de espírito rompedor e de recente aparición, con orixe no 2005, aposta pola elaboración de tintos de calidade, con marcas no mercado como Leirana, Leirana Leira Genoveva, Bastión de la Luna ou Goliardo.

El País sitúa a Combarro entre un dos pobos máis bonitos de España

O prestixioso xornal nacional de El País publicou hai uns días un ránking cos 30 pobos máis bonitos de España no que a vila mariñeira de Combarro ocupa un máis que merecido posto 12. A uns sete quilómetros da cidade de Pontevedra, este lugar de postal, que aparece de forma recorrente nas listas de localidades máis fermosas, ten unha das vistas máis bonitas á ría, cos seus 30 magníficos hórreos aliñados aos seus pés. A localidade está declarada Ben de Interese Cultural (BIC), como conxunto histórico, que é ademais o máis diminuto de toda Galicia.

Etiquetas: portada