Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Descobre tres roteiros literarios gratuítos polos cemiterios históricos das Rías Baixas

Descobre tres roteiros literarios gratuítos polos cemiterios históricos das Rías Baixas

Pereiró, San Mauro e Santa Mariña de Dozo, serán os escenarios desta particular viaxe polos camposantos singulares da provincia de Pontevedra os días 21 e 28 de outubro

San Mauro

Os cemiterios poden chegar a converterse en verdadeiras obras de arte onde admirar a súa arquitectura, con icónicas pezas da arte funerario de diferentes etapas como esculturas, mausoleos e mesmo capelas, e que ademais, relatan a historia dun lugar, como é o caso dos das Rías Baixas. Ademais alí descansan ilustres personaxes, desde grandes escritores a músicos, líderes políticos e insignes empresarios.

A Deputación de Pontevedra acaba de presentar a segunda edición das visitas guiadas aoscemiterios históricos da provincia de Pontevedra, con tres roteiros literarios polos camposantos de Pereiró (Vigo)San Mauro (Pontevedra)Santa Mariña de Dozo (Cambados). As visitas guiadas, serán gratuítas, e terán lugar os domingos 21 e 28 de outubro en horario de mañá, de 11 a 12:30 horas.

As prazas son limitadas, haberá un máximo de 25 persoas por grupo, polo que será necesario inscribirse a partir de mañá ás 9:00 horas en visitasguiadas@depo.es. Para a reserva será necesario indicar o número e o nome da ruta, os nomes das persoas que desexen inscribirse (un máximo de 4 por solicitude), e un número de teléfono.

“Queremos poñer en valor o noso patrimonio e temos un número moi relevante de cemiterio singulares”, explicou Carmela Silva ao dar conta dos roteiros literarios.

Os percorridos centraranse nalgúns aspectos como a orixe, a historia, a evolución, a iconografía relixiosa e os epitafios máis destacados desde unha perspectiva literaria. As visitas virasen ao redor de diversas figuras literarias como Concepción Arenal, no caso de Pereiró (ruta 1); Alexandre Bóveda, en San Mauro (ruta 2), e finalmente a través do personaxe de Josefina Branco, no de Santa Mariña de Dozo (ruta 3).

A continuación presentámosche cada un dos cemiterios destes tres roteiros literarios. Reserva a túa praza e descobre cada un deles de primeira man.

Pereiró en Vigo

Pereiró, Vigo

A orixe deste cemiterio urbano, o máis grande da cidade olívica, remóntase ao século XIX, e é de gran relevancia pola riqueza das esculturas que alberga, ademais dunha capela neogótica e un cemiterio civil. O itinerario centrarase na figura de Concepción Arenal, que conta cun dos monumentos máis destacados deste camposanto, obra do arquitecto Manuel Gómez Román, e levantado polo concello na honra á escritora.

José María Álvarez Blázquez, Tomás Argüelles, Urbano Lugrís ou María do Carmo kruckenberg serán outros dos personaxes relevantes do mundo das artes e as letras nos que se centrará esta particular viaxe literaria.

Ademais este camposanto alberga importantes epitafios de personaxes como Cachamuíña, heroe da Reconquista; membros das sagas Alfageme, Massó e Albo, da industria conserveira; o que fora ministro e encargado da abolición da escravitude durante a rexencia de Cánovas, José Elduayen Gorriti; ou Heraclio Botana, líder obreiro fusilado no ano 1936 neste mesmo cemiterio.

San Mauro en Pontevedra

San Mauro, Pontevedra

Este cemiterio de estilo neoclásico, o máis grande da capital, foi construído e deseñado a finais do século XIX polo arquitecto Alejandro Rodríguez-Sesmero. Unha actriz, que interpretará a M.ª Victoria Moreno, escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano, será a encargada de guiar ás e os visitantes por este curioso percorrido literario.

A Capela de San Mamede, trasladada ao interior deste recinto nos anos 60 –una das modificacións máis significativas que sufriu este recinto desde a súa orixe–, será unha das escalas deste itinerario. Figuras destacadas como a do político Alexandre Bóveda ou o filósofo Indalecio Armesto, cun destacado epitafio debido á súa gran simboloxía masónica, atópanse no cemiterio civil deste recinto, lugar onde descansan algunhas persoas represaliadas no ano 1936.

A visita vira ademais ao redor doutras figuras de prestixio no mundo das artes e as letras como os irmáns Muruais ou Daría González, entre outros.

Santa Mariña de Dozo

Santa Mariña de Dozo, Cambados

Santa Mariña de Dozo está considerado como un dos cemiterios máis fermosos e singulares de Galicia. Inmerso nas ruínas dunha igrexa do alto medievo, catalogado desde 1943 como Monumento Histórico-Artístico, forma parte da Rede Europea de Cemiterios Singulares.

A destacada actriz de finais do século XIX Josefina Blanco , e que ademais foi esposa do literato Ramón María del Valle-Inclán, será o eixo principal deste roteiro literario. A visita guiada a este cemiterio centrarase naquelas figuras relacionadas coa vila de Cambados. Vale-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Ramón Cabanillas y Plácido Ramón Castro del Río serán algúns dos literatos destacados que formarán parte desta visita pola súa relación con este municipio da provincia de Pontevedra.

Etiquetas: portada