Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Alta ocupación nos hoteis e casas rurais de Rías Baixas na ponte do Pilar

Alta ocupación nos hoteis e casas rurais de Rías Baixas na ponte do Pilar

O conxunto da provincia de Pontevedra pechou os festivos cun 77 % de prazas cubertas e o turismo de interior consolídase como unha alternativa sólida

Vistas desde la casa rural A Bouza

O destino Rías Baixas mantense como unha referencia turística tamén fóra de tempada. A ponte do Pilar, primeiro do outono, deixou unha ocupación hostaleira do 77 % no conxunto da provincia de Pontevedra, e superouse o 90 % en Pontevedra e Vigo, seguido de preto polo Salnés e Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

A fin de semana demostrou ademais que o interior é unha opción emerxente e atractiva para os e as viaxeiras que veñen pasar as súas vacacións ás Rías Baixas. As prazas cubertas nos aloxamentos do turismo rural representan o 60 % do total das dispoñibles, con picos do 90% nalgunhas zonas, concretamente a área de Pontevedra.

Por comarcas os datos solicitados por Turismo Rías Baixas indican que a ocupación hostaleira situouse no 95 % na contorna da capital de provincia; o 93 % en Vigo; o 88 % no Salnés; o 84 % en Deza e Tabeirós-Terra de Montes; o 74 % no Morrazo; o 72 % en Caldas; o 66 % no Baixo Miño; e o 43 % no Condado e A Paradanta.

En canto ao turismo rural, a comarca de Pontevedra cubriu o 92 % das camas; O Salnés o 76 %; os establecementos da área de Caldas o 69 %; as casas do Morrazo, O Condado e A Paradanta máis do 55 %; as de Vigo o 54 %; as de Deza e Terra de Montes o 41 %; e as do Baixo Miño
o 33 %.

Castelo de Soutomaior

Por outra banda, o castelo de Soutomaior recibiu medio milleiro de persoas durante a ponte do Pilar. O domingo comezaron na fortaleza as visitas teatralizadas, que se estenderán ata o 4 de novembro. As prazas para as dez funciones previstas esgotáronse en 24 horas.

Etiquetas: portada