Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - O Curtas Film Fest, a Terra Media das Rías Baixas

O Curtas Film Fest, a Terra Media das Rías Baixas

O certame en Vilagarcia de Arousa convértese no epicentro do cinema e o cómic a nivel nacional a partir deste venres e proxectará un total de 120 pezas audiovisuais

Este venres chega unha nova edición de Curtas, o Festival Internacional de Cinema e Banda Deseñada de Vilagarcía de Arousa, decano dos certames cinematográficos de Galicia e un dos de maior tradición na península ibérica. Nacido en 1973 como un encontro de cinema afeccionado, na actualidade é un dos festivais de maior prestixio a nivel nacional con grandes propostas no terreo do cinema e o cómic. A entrada é gratuíta.

A temática do evento, que finalizarádía 28 de outubro, céntrase este ano no mundo da fantasía e El Señor de los Anillos, coincidindo co cuadraxésimo quinto aniversario do falecemento do seu creador, J.R.R. Tolkien. Para quentar motores a Sala Rivas Briones acolle desde o día 5 unha exposición sobre o universo da Terra Media.

A programación desta cita do cinema e o cómic nas Rías Baixas inclúe todo tipo de actividades, ademais das proxeccións das pezas que compiten no certame, relacionadas co mundo do cómic. Desde exposicións, sesións de firmas, presentacións ou charlas, ata xogos de rol, de mesa ou talleres.

O Pequecurtas, o Rey da Noite e o Hobbit cítanse nas Rías Baixas

Curtas Film Fest

A inauguración do que será o epicentro da sétima arte e do cómic a nivel nacional terá lugar ás 21:00 horas no Salón García cunha homenaxe a Roberto Camba, batería dos Korosi Dansas, grupo de rock en galego de referencia nos 90. A paixón de Camba pola videocreación converteulle en gañador de varios premios deste certame que na edición actual reproducirá algunhas das súas pezas. Estas abrirán paso á proxección da obra La Sociedad literaria y el pastel de piel de patata , na súa estrea en Galicia.

A apertura da sala de videoxogos e xogos de mesa terá lugar o sábado, unha actividade que se desenvolverá durante esta fin de semana e o seguinte no Auditorio de Vilagarcía. Este mesmo día ás 11:30 horas chega Pequecurtas, unha sección para as e os pequenos da casa que proxectará tres películas de animación no salón García, a primeira delas Como entrenar a tu dragón. Xunto a esta reproduciranse El Caldero Mágico, o domingo 21 ás 12:00 horas, e La Espada Mágica: En busca de Camelot, o domingo 28, ás 11:30 horas.

O sábado, ás 17:00 horas, Jorge del Oro e Xosé Duncan serán os encargados de presentar o libro E se a Terra Media fose Galicia, que recolle os traballos gañadores que se presentaron ao concurso de contos de fantasía do Curtas, cuxo nome comparte co desta publicación. A obra presentarase na Sala Rivas Briones.

Media hora máis tarde, a escuridade cubrirá a localidade de Vilagarcía de Arousa coa chegada do Rey da Noite á Sala de Conferencias do Auditorio, onde as e os asistentes poderán contemplar en directo o proceso de maquillaxe deste personaxe popular da saga Juego de Tronos. Máis tarde o rei dos camiñantes brancos fará un percorrido polas rúas do municipio e protagonizará un photocall no trono do ferro da Sala Rivas Briones, ás 19:30 horas, que estará a disposición das e os asistentes o sábado 27, ás 18:15 horas.

Con motivo da homenaxe a J.R.R. Tolkien no que se centra a edición actual deste festival, o sábado tamén terá lugar un maratón da triloxía de El Hobbit no transcurso da tarde. O primeiro pase arrincará ás 16:00 horas con El Hobbit: Un viaje inesperado; ás 19:00 horas será a quenda deLa desolación de Smaug; e finalmente ás 22:00 horas chegará La batalla de los cinco ejércitos. O maratón cinematográfico terá lugar no Salón García.

120 proxeccións compiten nas 4 categorías

Curtas Film Fest

Un total de 120 pezas audiovisuais compiten neste certame en catro categorías distintas: “Curtametraxe”, “Longametraxe”, “Documental” e “Videocreación”. Os curtos, longametraxes e videocreacións proxectaranse desde este domingo ata o día 26 de outubro. As pezas documentais reproduciranse desde o luns 22 de outubro ata o xoves seguinte. O sábado 27 daranse a coñecer as proxeccións galardoadas na gala A Sinfonía dos Dragóns, ás 21:30 horas no Auditorio de Vilagarcía de Arousa.

Na categoría “Curtametraxes”, a protagonista do festival, compiten un total de 92 pezas audiovisuais de creación nacional fundamentalmente, e outras europeas de países como Francia, Italia ou Polonia. Tamén haberá presenza de cintas de nacións doutros continentes como Brasil, Arxentina ou Irán. Na sección de “Documentais” optan polo galardón un total de 16 proxeccións, todas elas de creación nacional.

Na categoría de “Longametraxe” dispútanse o galardón 6 pezas de Porto Rico, España, Brasil, Reino Unido e Portugal; e outras 6 na categoría de “ Videocreacións”, con pezas de España, Italia, Costa Rica e Chile. Gustavo Ramos, o director dun das longametraxes en competición, "El chata", de Porto Rico, viaxará á localidade das Rías Baixas para presentar persoalmente a súa peza.

Ademais a actriz Macarena Gómez, o actor Antonio Durán "Morris", os ilustradores John Howe e Ciruelo Cabral e o debuxante Ariel Olivetti, recibirán o premio Curtas 2018.

O universo do cómic na provincia

O domingo ás 18:00 horas haberá un encontro con Nekro , artista natural do Grove, e unha hora máis tarde co recoñecido ilustrador Luis Davila. O día 26 a cita será cos artistas Esteban Maroto, ás 17:00 horas; e John Howe e Ciruelo Cabral, ás 18:00. Ademais os artistas Nekro e Ciruelo guiarán ás e os asistentes polas súas exposicións, “XIII The Art of Nekro”, o domingo tamén; e “A Arte Fantástica de Ciruelo”, o sábado 27.

Os obradoiros impartiranse a partir deste sábado con clases maxistrais de diversas disciplinas como Softcombat Deportivo, Combate Interpretativo, Produción de Curtametraxes ou Ilustración dixital e Fotocomposición, ademais da Feira de Artesanía e Obxectos Curiosos. Ambas completan o amplo programa desta cita co cinema e o cómic na provincia de Pontevedra.

Etiquetas: portada