Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Sete plans para celebrar Halloween nas Rías Baixas

Sete plans para celebrar Halloween nas Rías Baixas

Yincanas, música, rutas e obradoiros son algunhas das actividades que che propoñemos para pasar un Samaín de medo na provincia de Pontevedra

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas… Achégase Samaín! A alternativa galega ao americano Halloween, que se celebra o 31 de outubro e terá continuidade nos días seguintes, é unha cita apta para as e os máis intrépidos. Aquí propoñémosche 7 plans, aptos para todos os públicos, para gozar desta terrorífica tradición na provincia de Pontevedra, con actividades que van desde yincanas, festas, desfiles, ata talleres, rutas e unha noite no Museo de Pontevedra.

1. Muiñada, Magosto e Samaín en Sabucedo (A Estrada)

Para celebrar o día de Halloween o sábado 3 de novembro en Sabucedo celebrarase unha xornada repleta de actividades moi variadas que inclúen desde unha camiñada, a mellor gastronomía da zona, ata unha noite terrorífica. Na actividade colaboran a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas.

A xornada comezará ás 10:30 h cunha ruta de 10 quilómetros na que poderemos descubrir árbores autóctonas como carballos e castiñeiros, fermosas sendas fluviais, petróglifos, e coñecer a cultura popular do lugar a través dos seus muíños e unha exposición da tradicional festa de Rapadas Bestas, de Interese Turístico Internacional. A camiñada partirá desde o Curro Novo.

A partir do mediodía terá lugar un mercado de outono e unha Xuntanza no Muiño do Mestre, con visita guiada ao muíño, actividade que inclúe a posta en marcha dalgún dos elementos que alberga este conxunto, aperitivo con sidra da Estrada, actuación musical de Airiños de Caldelas e comida popular protagonizada polos produtos da Terra de Montes.

Os obradoiros de pan, filloas e cogomelos recollidas durante a ruta matutina comezarán a partir das 16:30 h e unha hora despois centraranse en Samaín, coa chegada das cabazas, os disfraces e a maquillaxe, apto para todos os públicos. Ás 17 h presentarase “Rapa”, unha longametraxe dirixida por Alejandro Enríquez sobre esta festa de proxección internacional.

A media tarde haberá unha mostra gastronómica da cociña de outono, queimada popular e actuación musical a cargo do grupo Ghalos do Corral, e ás 19:30 h, procesión da Santa Compaña. A continuación comezará a noite de Samaín, con magosto á beira do Teleclub de Sabucedo, actuación da Murga PTV e concerto de Raúl e Cía.

2. Samaín Briz, a leira dos horrores (Marín)

Finca Briz

O Concello de Marín, en colaboración coa fundación Xoán XXIII e outras entidades culturais do municipio, converterán á Leira Briz o 31 de outubro nun bosque do terror. A actividade comezará a media tarde con música, comida e bebida a prezos populares, e actividades, aptas para todos os públicos, para que as e os participantes gocen dunha xornada repleta de diversión.

As camiñadas de espanto, unha serie de rutas guiadas polo parque no que se colocarán diversas estacións onde non faltarán as meigas, aquelarres e cemiterios, comezarán ás 18:30 h. As sorpresas e os sustos están asegurados neste percorrido dun quilómetro. Ás 20:30 h os itinerarios serán aínda máis terroríficos, unha actividade apta só para as persoas máis temerarias.

Ademais haberá un obradoiro de maquillaxe e un percorrido zombie polas rúas da localidade da provincia de Pontevedra, coa finalidade de convidar ás e aos viandantes a que se unan á actividade. A continuación, estas criaturas do mal executarán unha exhibición ás 20:30 h en Briz.

As rutas do terror acabarán ás 22 h e terá lugar a entrega de premios do concurso de cabazas. Finalmente, The Soul Breakers será o grupo encargado de poñer o broche de ouro, coa súa música en directo, a esta fantástica e terrorífica xornada. A decoración da leira manterase ata o día 4 de novembro, para aquelas e aqueles que non poidan acudir á cita.

3. Samaín en Bouzas (Vigo)

Goza dun día terrorífico o 1 de novembro coa Festa Infantil de Samaín na Alameda de Bouzas. A programación da festa, que comezará a partir das 17 h, inclúe un obradoiro de confección de cabazas, para o que será necesario que cada participante leve a súa propia cabaza. Ademais haberá outro taller, de maquillaxe, e a actuación do grupo O Trebón do Berbés. A xornada concluirá cun desfile das cabazas e de disfraces.

4. Noite no Museo (Pontevedra)

"Ritos funerarios desde a prehistoria ata a tradición popular galega" é unha actividade orientada ao público adulto. Consiste nunha visita guiada nocturna ao Museo de Pontevedra. Neste itinerario as e os asistentes terán a posibilidade de coñecer a fondo os ritos funerarios ancestrais da provincia de Pontevedra, desde a época das mámoas, e a visión máis romántica da morte do século XIX.

O equipo de arqueoloxía do museo guiará ao público polos rituais máis antigos das Rías Baixas con dúas visitas guiadas o mércores 31, unha ás 19 e outra ás 21 h. Para a actividade é necesario formalizar a inscrición no teléfono 986804100 ou ben por e-mail a curtas.museo@depo.es . Para esta actividade hai un total de 30 prazas por visita.

5. Yincana e festa de Halloween (Soutomaior)

Halloween

O programa desta cita inclúe algunhas novidades como o concurso de selfies, no que se poderá participar desde o 31 de outubro ata o 3 de novembro; e a actividade Truco-Trato, que se realizará o 31 deste mes. Esta última trátase dunha yincana con diversas probas por equipos que comezará ás 19 h na praza da Alameda Talorío, con inscrición aberta ata o día 26 na web do Concello de Soutomarior.

Finalmente a gran festa de celebración de Samaín será o sábado 3 de novembro e inclúe no seu programa xogos populares,talleres de maquillaxe terrorífico, un espectáculo de maxia cómica e animacións para as e os pequenos da casa a cargo de Troula. Ademais a partir das 18:30 h haberá degustación gratuíta de castañas para as e os asistentes.

6. Cabazas, cociña e maquillaxe de terror (Redondela)

A localidade dos viadutos das Rías Baixas organizará o próximo día 31 unha xornada con diversas actividades que inclúen talleres de decoración de cabazas, de cociña e maquillaxe terrorífico. Esta actividade, dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 14 anos, comezará ás 17:30 h na Casa da Torre de Redondela e media hora máis tarde tamén na Alameda de Chapela.

As actividades serán gratuítas e ademais Redondela celebrará unha yincana polo centro histórico do municipio a partir das 19:30 h. Para a personalización das cabazas é necesario que cada asistente leve a súa propia cabaza.

7. Panorama Halloween Party (Silleda)

O pavillón 1 da Feira Internacional de Galicia en Silleda acolle o día 31 de outubro unha festa de Halloween que inclúe diversas actuacións musicais e un concurso de disfraces. A celebración comezará ás 22 h. A entrada terá un custo de 5 euros e o acceso será gratuíto para as e os menores de 12 anos, que deberán acudir en compañía dunha persoa adulta.

A noite comezará con sesións DJ, a cargo da discoteca móbil EME Music, con Marcos Magán e Will Pérez, e a actuación do grupo canario Bomba. Máis tarde actuará orquestra Panorama, que ofrecerá dous pases durante unha velada que finalizará coa música da discoteca móbil ás 07 h da madrugada do día 1.

Un xurado escollerá os dez mellores disfraces, que recibirán cada un un vale de 50 euros. Ademais entre todas as entradas e tickets das consumicións sortearase unha viaxe de cinco días e catro noites a Tenerife.