Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - O castelo de Soutomaior ingresa no Club de Producto Turístico de Grandes Castillos y Palacios de España

O castelo de Soutomaior ingresa no Club de Producto Turístico de Grandes Castillos y Palacios de España

A fortaleza intégrase nas accións de promoción desta oferta cultural e sitúase ao mesmo nivel de castelos tan coñecidos como o de Peñafiel ou Belmonte

Castelo de Soutomaior

O castelo de Soutomaior xa forma parte a todos os efectos do Club de Producto Turístico de Grandes Castillos y Palacios de España como socio colaborador. A institución que impulsa a Secretaría de Estado de Turismo acaba de emitir unha resolución favorable ao ingreso, o que posibilita que a fortaleza, unha xoia do patrimonio da provincia de Pontevedra, se integre nas accións de promoción futuras desta oferta turística cultural.

O deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, participará o vindeiro 20 de novembro en Madrid na primeira asemblea do club que permitirá situar ao recinto histórico pontevedrés ao mesmo nivel de castelos tan coñecidos como o de Peñafiel ou o de Belmonte. Na xuntanza presentarase a plataforma tecnolóxica a través da cal se porá en valor a rede de castelos pertencente ao club. Ademais, tamén se dará a coñecer o plan de acción para o vindeiro ano, a estratexia promocional da rede de castelos e palacios, a distribución, e as experiencias desenvolvidas polos castelos e palacios socios.

O obxectivo principal deste club turístico consiste en afrontar de xeito coordinado e a nivel estatal a oferta cultural e visitas aos castelos e palacios integrados nel. Así, preténdese configurar un produto turístico tomando como elemento principal os castelos e palacios e, a través deles, amosar a historia aderezada con experiencias turísticas novas e singulares.

A presidenta da Deputación amosou a súa satisfacción por este recoñecemento “que converte, máis se cabe, a Soutomaior nun atractivo turístico de primeira orde a nivel estatal”. “non paramos de impulsar proxectos no castelo e para o castelo”. Máis polo miúdo, Silva referiuse a que nesta semana se clausuraron as visitas teatralizadas, con todas as prazas esgotadas e case 5.000 persoas en lista de agarda, e vai ter lugar, o vindeiro domingo con motivo do Día Europeo do Enoturismo, unha cata a cegas en colaboración coa Ruta do Viño Rías Baixas que tamén esgotou as cen prazas en canto se ofertaron.