Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - As Rías Baixas viaxan a Oviedo coa campaña turística Somos historias

As Rías Baixas viaxan a Oviedo coa campaña turística “Somos historias”

O patrimonio, a gastronomía e os Festivais Rías Baixas centran a presentación da presidenta da Deputación de Pontevedra na capital do Principado

A campaña “Somos historias” de Turismo Rías Baixas foi presentada esta mesma mañá en Oviedo pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en compañía do alcalde da capital asturiana, Wenceslao López, e ante autoridades do Principado, medios de comunicación e diversos axentes turísticos. A posta de longo, tivo lugar no Eurostars Hotel La Reconquista, centrouse nalgúns dos atractivos e recursos turísticos máis prezados da provincia de Pontevedra como a figura de María Vinyals, a vitivinicultura, gastronomía, cultura, patrimonio arqueolóxico e os Rías Baixas Fests.

A presidenta da Deputación expresou ao alcalde de Oviedo o seu agradecemento ante a oportunidade de mostrar algúns dos tesouros da provincia na súa cidade. Ademais durante o seu discurso falou da proximidade e conexión existente entre o pobo asturiano e o galego ao “compartir unhas paisaxes naturais que son os máis bonitos do mundo, unha gastronomía excelente e a particularidade de posuír un idioma propio”. Carmela Silva destacou tamén a necesidade de elaborar paquetes turísticos conxuntos baseados na sustentabilidade.

Así comezou a campaña “Somos historias”, que tivo os seguintes fíos condutores:

Presentación Somos Historias Oviedo

María Vinyals e o castelo de Soutomaior

María Vinyals (1875-1940), unha muller adiantada ao seu tempo, culta e firme defensora da educación, creceu no emblemático castelo de Soutomaior. Este personaxe histórico exerce de leitmotiv na campaña “Somos historias”, unha proposta turística desestacionalizadora e de interese no mercado internacional que promociona As Rías Baixas a través de oito tipos de patrimonio ligados ao territorio: fortificado, arqueolóxico, paisaxístico, relixioso e espiritual, literario, etnográfico e cultural, inmaterial e natural.

Durante o acto de presentación desta mañá proxectouse o vídeo promocional da campaña, un relato que mostra os atractivos da provincia de Pontevedra a través da historia de María Vinyals, que percorre diferentes paisaxes naturais, castelos, pazos, e outros lugares singulares. “Nas pedras dos nosos castelos, pazos e xacementos escóndense historias. Identificamos o noso patrimonio co castelo de Soutomaior, polo que pasaron grandes personalidades de Europa”, explicou a presidenta da institución provincial sobre o eixo principal de “Somos historias”.

Ademais quixo lembrar o inmenso patrimonio inmaterial que atesouran As Rías Baixas coas festas de interese tanto galego, como nacional e internacional, celebradas neste destino e que nos achegan ás súas tradicións máis ancestrais.

Unha das principais novidades deste histórico castelo que forma parte da identidade da provincia foi a recente musealización que inclúe as técnicas multimedia máis innovadoras para dar a coñecer ás e os visitantes a historia e os segredos que esconde o lugar. Ademais a fortaleza alberga un xardín de excelencia internacional con centos de camelias, integrado na afamada Ruta da Camelia.

Presentación Somos Historias Oviedo

Vitivinicultura, gastronomía e cultura

Nesta sesión tamén houbo tempo para mostrar ao público asistente outros dos atractivos turísticos das Rías Baixas, como son a gastronomía, e a vitivinicultura, desde os viñedos do castelo de Soutomaior, ata os viñedos localizados próximos ao mar, que fan tan especial o seu cultivo. "Hai poucos lugares no mundo onde os viñedos estean pegados ao mar, por iso os nosos caldos teñen un sabor tan especial. Temos ademais unha gastronomía excelente, tanto tradicional como de vangarda, con cinco restaurantes con estrela Michelín” indicou Carmela Silva.

Yayo Daporta, en Cambados; Culler de Pau, no Grove; Solla, en Poio; Pepe Vieira camiño da Serpe, en Raxó, e Maruja Limón, en Vigo, son os establecementos que obtiveron este galardón tan valorado no mundo da cociña.

A cultura, un dos principais atractivos turísticos desestacionalizadores, apareceu tamén no discurso da presidenta, que falou dos grandes mosteiros, –entre os que se atopan o de Aciveiro en Forcarei, Santa María de Oia ou o de Carboeiro en Silleda–, e doutro dos atractivos culturais máis singulares, o cemiterio de Santa Mariña de Dozo en Cambados, integrado na prestixiosa Asociación de Cemiterios Singulares de Europa.

Presentación Somos Historias Oviedo

Patrimonio arqueolóxico

Os xacementos das Rías Baixas tampouco podían faltar neste discurso, precisamente no mes que a campaña “Somos historias” dedica ao patrimonio arqueolóxico. Así, outro dos vídeos proxectados foi o de Galaicos: un pobo entre dous mundos , a mostra que exhibe actualmente no Museo Nacional de Arqueoloxía de Madrid máis de 60 pezas de diversos castros da provincia, e que viaxará a outras cidades para finalmente pechar o seu periplo no Museo de Pontevedra.

Rías Baixas Fests

A música chegou da man dunha das propostas máis innovadoras da provincia como son os Rías Baixas Fests, as citas musicais imprescindibles do verán que reúnen a grandes artistas en preciosas paisaxes naturais como o Sinsal na illa de San Simón, o SonRías en Bueu, o Atlantic Fest na Illa de Arousa, Vive Nigrán, Revenidas en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa , a proposta urbana do Marisquiño en Vigo ou o PortAmérica, no precioso xardín botánico de Caldas de Reis e galardoado co premio Fest á mellor zona de restauración dos festivais nacionais.

Finalmente, tras a proxección do videoclip Un lugar no mundo, interpretado por Cómplices e que mostra algúns dos tesouros mellor gardados das Rías Baixas, concluíu esta presentación na capital asturiana na que a provincia mostrou ás e os asistentes os seus principais atractivos turísticos.