Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Expedición empresarial das Rías Baixas para captar turismo en Barcelona

Expedición empresarial das Rías Baixas para captar turismo en Barcelona

Vinte e cinco firmas celebrarán un workshop con entidades catalás, da man da Deputación de Pontevedra e o Clúster de Turismo, para explorar oportunidades de negocio

Rueda de prensa de Carmela Silva

O sector turístico das Rías Baixas busca novas oportunidades de negocio no mercado catalán co apoio da Deputación de Pontevedra e o Clúster de Turismo de Galicia. Vinte e cinco empresas, desde adegas a hoteis, casas de turismo rural, establecementos termais e comercializadores de produtos turísticos, celebrarán unha xornada de contactos con firmas catalás o 27 de novembro no Hotel Eurostars Grand Mariña de Barcelona co fin de alcanzar acordos comerciais e atraer persoas turistas.

“Serán reunións dinámicas”, explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. As e os representantes das empresas galegas farán unha presentación dos seus produtos e servizos e manterán encontros coas firmas interesadas. Ata o momento confirmáronse 85 citas, co que existen óptimas expectativas para alcanzar acordos e captar mercado en Cataluña. “Buscamos xerar negocio na nosa provincia”, engadiu a presidenta da institución provincial.

A acción en Cataluña segue a liña de Turismo Rías Baixas de expandir o mercado turístico da provincia no ámbito nacional. Esta mesma semana, no seo da presentación da campaña Somos Historias en Oviedo, mantivéronse contactos con axentes asturianos coa finalidade de ofertar paquetes conxuntos. En concreto, Carmela Silva apuntou que existe interese en comercializar servizos relacionados co castelo de Soutomaior, unha das xoias do patrimonio da provincia de Pontevedra e que acaba de ingresar no Club de Produto Turístico Grandes Castelos e Palacios de España.

Distintivos SICTED

A proxección das empresas turísticas e a excelencia no servizo que prestan ás viaxeiras e viaxeiros que recalan neste destino son dous dos obxectivos de Turismo Rías Baixas. Unha das liñas de traballo céntrase en asesorar aos negocios para obter o selo de calidade SICTED, co que contan xa 225 entidades no destino. Outras 82 adheríronse e son candidatas a obtelo. “Somos a provincia de España con máis distintivos. É un logro conxunto que se debe sobre todo ao compromiso do sector privado coa calidade”, explicou Carmela Silva.