Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Pontevedra convértese no epicentro da Ruta dos Fenicios

Pontevedra convértese no epicentro da Ruta dos Fenicios

A asemblea estatal deste itinerario cultural europeo reúnese na provincia, que acollerá tamén unha exposición e outras actividades relacionadas co mundo púnico

Rueda de prensa de Carmela Silva

A provincia de Pontevedra forma parte da Ruta dos Fenicios, un dos itinerarios culturais internacionais recoñecidos polo Consello de Europa, que pasa por 80 cidades e 18 países de tres continentes nos que se atopan xacementos e restos arqueolóxicos púnicos. O destino Rías Baixas, a través da Deputación de Pontevedra, é o único territorio que, sen estar bañado polo Mediterráneo, forma parte desta vía marítima de proxección internacional.

A cúpula da Asemblea Estatal do Itinerario Cultural Europeo da Ruta dos Fenicios elixiu As Rías Baixas como punto de encontro. A reunión de proxección internacional terá lugar os días 22 e 23 deste mes no Pazo provincial, sede da Deputación, e está confirmada a presenza de, entre outras, as delegacións procedentes de Italia, Luxemburgo, Cádiz, Eivissa, Palma de Mallorca, Xaén e Xirona. Ademais, do 22 de novembro ao 15 de decembro haberá unha exposición na entrada do Pazo cun total de 13 estacións, que mostrarán ás e os asistentes algúns dos xacementos arqueolóxicos que integran a Ruta dos Fenicios.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, resaltou que quere aproveitar este encontro que reúne a importantes personalidades para “poñer en valor a potencialidade e os atractivos da provincia de Pontevedra”. Ademais de organizarse charlas, conferencias e mesas redondas, as e os representantes das distintas delegacións gozarán dunha experiencia gastronómica e dunha visita ao xacemento arqueolóxico do Facho (Cangas).

Asemblea Rede Española “Itinerario Cultural Europeo da Ruta dos Fenicios”

O Facho

A provincia foi seleccionada no mes de abril para liderar a promoción e difusión do itinerario na fachada atlántica peninsular. O 22 de novembro as delegacións da ruta reuniranse en privado pola mañá mentres que dedicarán a tarde a unha visita para coñecer os atractivos da provincia de Pontevedra. O venres 23 as sesións serán abertas a todo o público. Haberá conferencias e mesas redondas sobre a Ruta dos Fenicios, o programa de itinerarios, e sobre outras rutas como a dos Iberos, abertas ao público.

O Instituto de Itinerarios Culturais Europeos con sede en Luxemburgo, a Rotta dei Fenici de Italia, o MAC-Empuries de Xirona, concellos como o de Eivissa ou o de Palma de Mallorca, e as universidades e deputacións tanto de Xaén como de Cádiz , son algunhas das delegacións que confirmaron a súa asistencia a esta cita de proxección internacional.

As e os asistentes das distintas delegacións da Ruta dos Fenicios terán a oportunidade durante a súa estancia na provincia de degustar un menú elaborado especialmente para esta ocasión a cargo do CIFP Carlos Oroza, ademais de visitar o xacemento arqueolóxico do Facho, en Cangas, un dos vinte que forma parte da exposición “Galaicos. Un pobo entre dous mundos”, actualmente no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid.

A Ruta dos Fenicios: a exposición

Desde o 22 de novembro ata o 15 de decembro unha exposición na entrada do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra exhibirá imaxes e paneis explicativos dos xacementos arqueolóxicos da provincia que forman parte da Ruta dos Fenicios, ademais dos asentamentos doutras cidades integradas no itinerario. As exposicións mostran a importancia dos xacementos naqueles tempos de troco e de intercambio cultural.