Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Somos Historias regresa de Barcelona con dobre éxito promoción do destino e das empresas das Rías Baixas

“Somos Historias” regresa de Barcelona con dobre éxito: promoción do destino e das empresas das Rías Baixas

Máis de 130 firmas catalás, medios e tour operadores reuníronse coa expedición da provincia de Pontevedra para negociar acordos comerciais

Castillo de SoutomaiorCastelo de Soutomaior

A campaña Somos Historias, coa que a Deputación e Turismo Rías Baixas promocionan este ano a provincia de Pontevedra, volveu de Barcelona cun rotundo éxito na súa dobre vertente: de proxección do destino e empresarial. A presentación acaparou a atención de medios de comunicación, tour operadores e outras empresas do sector; e o workshop de 25 empresas pechouse con reunións con 120 firmas catalás interesadas en chegar a acordos comerciais. Unha degustación de produtos das Rías Baixas amenizada coa actuación de Gigi McFarlane puxo a guinda á proveitosa xornada na Cidade Condal.

O patrimonio, enoturismo e o castelo de Soutomaior foron os eixos do acto promocional no Hotel Eurostars Grand Marina. “Na fortaleza, que acabamos de musealizar, hai máis de 200 variedades de camelias, que é a flor xa non de Xapón, senón nosa, das Rías Baixas”, proclamou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, anfitrioa do evento. O castelo, precisamente, foi un dos reclamos que máis interese espertou entre os tour operadores cataláns.

Sobre o patrimonio arqueolóxico Silva destacou a historia e beleza da paisaxe dos castros e a exposición “Galaicos” , actualmente no Museo Arqueolóxico Nacional e que recibiu unha grande acollida. “Os nosos viñedos á beira do mar son máxicos: producen viños recoñecidos en todo o mundo que falan do agarimo con que os tratamos”, expuxo sobre a tradición vitivinícola. A expedición das Rías Baixas a Barcelona contou cunha ampla representación de adegas da Ruta do Viño.

Workshop BarcelonaWorkshop de Barcelona

A curtametraxe da campaña Somos Historias , da que é fío condutor a escritora María Vinyals, nacida no castelo de Soutomaior, recibiu o aplauso do público, do mesmo xeito que o de Galaicos e “Un lugar en el mundo” , o videoclip de Cómplices que mostra impresionantes panorámicas en distintas localizacións da provincia de Pontevedra. Entre as e os participantes no cóctel de presentación estaban o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, o presidente de Feprohos, autoridades locais de Barcelona e o presidente do Centro Galego na Cidade Condal.

A degustación de produtos da terra, entre eles carnes de Deza e albariño, puxo o broche á xornada, que arrincara cun encontro de traballo coa dirección do Fórum Gastronómico. Durante esta cita abordáronse novas vías de colaboración que permitirán situar o destino Rías Baixas como referente de vangarda e calidade.

Workshop

No workshop participaron 15 empresas do Salnés, entre as que se atopaban o Gran Talaso Hotel Sanxenxo, ou Hotel Carlos I, Hotel O Son do mar, Hotel Pirámide, Galicia Villas, Interrías, Circuítos Galicia, Hotel Nanín, Hotel El Puente de Sanxenxo; Tee Travel de Vilagarcía; Adegas Mar de Frade de Meis, Paco & Lola e Lagar de Besada de Meaño , Adega Gran Bazán de Vilanova e a Ruta do Viño Rías Baixas de Cambados.

Da comarca de Vigo participaron cinco empresas: Naviera Nabia, Abramar, ou Sercotel Hotel Bahía de Vigo, Hotel Ciudad de Vigo e o Hotel Zenit Vigo. Tamén a comarca de Terra de Montes tivo representación da man de Simply Galicia da Estrada. Pola súa banda, da comarca do Baixo Miño acudiu o Hotel Talaso Atlántico de Oia; e do Condado o Balneario de Mondariz.