Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Moda feminina de época no castelo de Soutomaior

Moda feminina de época no castelo de Soutomaior

Vestidos, calzado, xoiería e outras pezas de indumentaria entre os anos 1870 e 1925 expoñeranse na fortaleza a partir do día 20

Vistas desde la casa rural A Bouza

O castelo de Soutomaior vístese de época. A fortaleza suma un novo atractivo para as e os visitantes a partir do día 20 de decembro, cando se inaugurará a exposición “A moda en detalles: indumentaria e complementos (1870-1925)”. A mostra está composta por máis de 200 pezas entre bordados, abalorios, calzado, cosmética, xoiería, publicacións e complementos. Moitas delas están inspiradas na moda de París de finais do século XIX e principios do XX, e algunhas fabricadas con tecidos procedentes dos mellores almacéns de Londres.

“As pezas son parte da marabillosa colección de fondos do Museo de Pontevedra e pertencen a unha época na que a fortaleza era residencia dos marqueses de la Vega e Armijo e de María Vinyals”, explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. Vinyals conta cunha sala no museo do castelo de Soutomaior, polo que resulta recomendable complementar a visita á exposición cun percorrido pola estancia dedicada á escritora.

A través de “A moda en detalles” darase a coñecer como vestían as mulleres coetáneas a Vinyals, os seus gustos, como accedían á moda ou como eran as diferentes tendencias nas que o gusto pola diversidade foi predominante, ademais dun símbolo de modernidade para moitas mulleres. Deste xeito mostraranse pezas que pertenceron ás irmás Domerq, á familia García Solís ou ás irmás Mendoza, que achegaron unha gran cantidade de fondos ao Museo de Pontevedra.

A exposición tamén conta coa colaboración do Museu Virtual da Tarxeta Postal de Catalunya, e poderá visitarse na Sala de Tapices do castelo ata o 18 de febreiro.

Regala Rías Baixas

Por outra banda, Carmela Silva tamén destacou a campaña Regala Rías Baixas impulsada pola Ruta do Viño coa colaboración da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas. A iniciativa anima a regalar este nadal produtos e paquetes enoturísticos na provincia. “Hai paseos por viñedos, visita a adegas para coñecer o proceso de elaboración do viño, catas, degustacións, sendeirismo… Son ideas para sorprender e quedar como un prestixioso agasallador”, explicou a presidenta da Deputación.