Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Moda feminina con aire parisiense no castelo de Soutomaior

Moda feminina con aire parisiense no castelo de Soutomaior

Unha exposición mostra con particulares pezas, tecidos e abelorios como vestían as mulleres da burguesía pontevedresa entre 1870 e 1925

La moda en detalles

Camisas, corpos, abanicos, tecidos, xoias, abelorios, cosmética ou publicacións de moda, son algunhas das máis de 200 pezas que integran a exposición de “A Moda en Detalles. Indumentaria e Complementos (1870-1925)” sobre a moda feminina burguesa da época na provincia de Pontevedra que o fermoso castelo de Soutomaior acolle desde o 20 de decembro ata o 24 de febreiro. Os obxectos da mostra proveñen integramente dos fondos do Museo de Pontevedra e pertenceron a algunhas familias como Domerq, García Solís ou Mendoza Babiano.

A colección exposta inclúe pezas como camisas, corpos, zapatos; complementos entre os que se atopan abanicos, luvas ou tocados; produtos de beleza, cosmética e xoias; e mesmo tecidos, materiais de confección e abelorios. A mostra inclúe documentos gráficos como publicacións de moda, catálogos, fotografías e ilustracións que completan unha colección moi variada con obxectos moi especiais.

As singulares pezas forman parte dos fondos do Museo de Pontevedra, e a elas súmanse tres reproducións dunhas postais dos Grandes Almacéns El Siglo (Barcelona) cedidas polo Museu Virtual da Tarxeta Postal de Catalunya.

As familias Domerq, García Solís, e as irmás Concha e María Mendoza Babiano , estas últimas antigas donas do Palacete das Mendoza (Pontevedra), sede na actualidade de Turismo Rías Baixas, eran as propietarias da maior parte das pezas que logo pasarían a formar parte da colección do fondo de indumentaria e téxtil do museo provincial. Estas mulleres pertenceron á burguesía pontevedresa da época.

París, a capital da moda, escenario onde desfilan as coleccións das firmas máis prestixiosas do mundo como Chanel, Dior, Valentino, Jean Paul Gaultier, Louis Vuitton ou Givenchy, entre moitas outras, é todo un referente no panorama da moda internacional na actualidade, e tamén o foi no período no que se centra a mostra.Todas as miradas apuntaban á capital francesa, e cronistas de diversas publicacións, tanto españolas como estranxeiras, recollían nos seus textos as últimas tendencias que imperaban na cidade da luz.

Os xastres e modistas das mulleres da burguesía da provincia durante os séculos XIX-XX, que se inspiraban nestas tendencias, reproducían nas súas creacións o estilo parisiense. Estes deseños reflectían un gusto diverso e ecléctico pola moda individual, símbolo da muller moderna, que compraría directamente os deseños, ademais doutros materiais e tecidos, a Grandes Almacéns parisienses. Máis tarde recorrería tamén a establecementos de capitais españolas, como os de El Siglo, que se atopaban na Cidade Condal.