Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - As Rías Baixas estará presente en dous grandes eventos sobre o Camiño de Santiago e o turismo ornitolóxico

As Rías Baixas estará presente en dous grandes eventos sobre o Camiño e a ornitoloxía

A Mesa de Turismo celebra o seu primeiro encontro de 2019, no que tamén se anunciou a segunda aceleradora de empresas e a próxima Gala de Turismo, que se celebra en marzo

Reunión Mesa de Turismo

A Mesa de Turismo da provincia de Pontevedra, que agrupa a representantes de concellos e outras entidades representativas do sector, acaba de celebrar o seu primeiro encontro de 2019. Os municipios de Cambados Cangas, o SICTED de Sanxenxo, o Grupo de Acción Local Pesqueiro (GALP) da ría de Pontevedra e o grupo de Desenvolvemento Rural do Condado-Paradanta, incorporáronse á agrupación provincial nesta nova fase.

Nesta primeira reunión, presidida por Carmela Silva, levou a cabo un seguimento das liñas de actuación do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020 en diferentes ámbitos. En relación ao Camiño de Santiago, a ruta máis antiga e popular de Europa, a presidenta provincial anunciou a asistencia da provincia de Pontevedra ao III Fórum do Camiño de Santiago FAIRWAY no mes de febreiro. O obxectivo principal é promocionar un camiño multiexperencial con atractivos como a enogastronomía, a arqueoloxía, o termalismo ou a camelia.

Cabe lembrar que seis rutas do Camiño de Santiago cruzan a provincia. Estes itinerarios son o Camiño Portugués, tradicional e de costa; a Vía da Prata; o Camiño de Inverno; a Ruta do Pai Sarmiento e a do mar de Arousa e o río Ulla.

Camino de Santiago

O turismo de natureza abordouse na mesa da man da ornitoloxía, unha das moitas potencialidades do destino Rías Baixas. A Deputación de Pontevedra asistirá á Feira Internacional de Turismo Ornitolóxico de Estremadura , que terá lugar do 22 ao 24 de febreiro no Parque Nacional de Monfragüe.

Esta cita preséntase como unha oportunidade única para dar a coñecer o gran valor ornitolóxico e natural deste destino. Actualmente neste ámbito, as rutas ornitolóxicas Voando nas Rías Baixas”, promovidas pola Deputación de Pontevedra en colaboración co colectivo SEO/BirldLife, ofrecen a posibilidade de visitar as principais reservas da provincia para a contemplación das aves en compañía de expertas e expertos.

Aceleradora de proxectos turísticos

Boas noticias tamén para o turismo intelixente da provincia de Pontevedra. En febreiro celebrarase unha nova edición da Aceleradora de proxectos turísticos, e unha segunda cita no ámbito do turismo e a innovación chegará o mes de abril, cando terá lugar o II Foro de Turismo Intelixente TurisTIC . Esta xornada segue o camiño iniciado tras o encontro celebrado o pasado mes de outubro no castelo de Soutomaior, a I Xornada TurisTIC da provincia de Pontevedra.

Finalmente, outra das cuestións mencionadas neste encontro foi a do premio “Trending People #RíasBaixas” que se entregará durante a Gala Provincial de Turismo, prevista para marzo, a unha embaixadora ou embaixador polo seu labor na promoción do destino Rías Baixas. A Deputación de Pontevedra ten en marcha ou completadas o 100 % das accións do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020 da provincia de Pontevedra.