Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Chefs Michelín con selo Rías Baixas un emotivo vídeo e Fame de Experiencias en FITUR 2019

Chefs “Michelín” con selo Rías Baixas, un emotivo vídeo e “Fame de Experiencias” en FITUR 2019

A campaña da Deputación de Pontevedra recibiu unha extraordinaria acollida no maior escaparate turístico internacional

Presentación Hambre de experiencias

Os chefs con Estrela Michelin Pepe Solla e Javi Estévez, e a xefa de sala de Culler de Pau, Amaranta Rodríguez, foron os grandes convidados do lanzamento de “Fame de experiencias?”, a campaña da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas en 2019, ante un abarrotado auditorio na feira FITUR, o maior escaparate turístico do mundo. Alcadesas e alcaldes da provincia, outras autoridades, medios especializados, influencers e axentes do sector brindaron unha calorosa acollida á promoción.

O acto, nun orixinal formato teatralizado, acolleu o lanzamento do esperado vídeo oficial da campaña, obra da produtora Esmerarte e protagonizado por produtoras e produtores reais e por Pepe Solla e Amaranta Rodríguez. O curto fai unha emotiva homenaxe ao traballo das persoas que cada día coidan, producen e serven a materia prima da gastronomía da provincia de Pontevedra.

A súa estrea foi o punto de partida da presentación, cun creativo guión no que a actriz Déborah Vukušić encarna a unha turista despistada que entra no Restaurante Rías Baixas en busca dun destino no que vivir grandes experiencias tras unha ruptura sentimental traumática. Alí é recibida por Amaranta, e posteriormente por Pepe Solla e por Javi Estévez, quen romperon tópicos sobre a provincia de Pontevedra e debullaron algúns dos seus grandes atractivos. Na presentación emitiuse outro vídeo no que o bloguero Víctor Gómez “Machbel” realiza unha xira de 48 horas por As Rías Baixas e goza de grandes experiencias enogastronómicas. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, completou o elenco e animou a todas e todos as asistentes a visitar este destino.

Presentación Hambre de experiencias

“Temos cinco estrelas michelin, oito soles repsol e 263 distintivos SICTED que premian a calidade profesional do sector turístico”, explicou a xefa de sala de Culler de Pau á desorientada turista, para resaltar a perfecta combinación entre cociña tradicional e cociña de autor nas Rías Baixas .

“Pontevedra ten algo especial. O clima atlántico fai que todo sexa distinto e as produtoras e produtores coidan e proporcionan ese marabilloso produto da nosa gastronomía”, contou Pepe Solla, quen resaltou que as e os chefs da provincia de Pontevedra “respectan a tradición e ao mesmo tempo danlle o seu selo de autor ”.

O chef Javi Estévez, que este ano recibiu a Estrela Michelin e é coñecido tamén por ter sido semifinalista do programa TopChef, explicou a súa relación con Galicia e As Rías Baixas, desde os seus estudos na Escola Superior de Hostalaría e a súa stage no restaurante Pepe Vieira, ata a participación no “showrocking” do festival PortAmérica. “Ao marcharme da provincia de Pontevedra tiña unha necesidade de volver á terra”, contou o cociñeiro.

A desnortada viaxeira descubriu a maxia das Rías Baixas e a presidenta da Deputación de Pontevedra animouna a visitalas “os doce meses do ano”. “Temosa mellor gastronomía do mundo, e o mellor de todo é a nosa xente: as produtoras e produtores, as persoas que atenden en sala, cociñeiras e cociñeiros, as veciñas e veciños de todos os lugares da provincia de Pontevedra”, comentou.

Caixa con grandes experiencias

Carmela Silva presentou ademais outra novidade, unha caixa regalo con doce experiencias inesquecibles nas Rías Baixas, unha por cada mes do ano. Produtos xenuínos das Rías Baixas, e sorteos de visitas guiadas, cea nun restaurante do Grupo Nove ou cata de espumosos da denominación de Orixe son algunhas das sorpresas que garda a caixa.

“Despois de irche das Rías Baixas vas sentir a morriña, e, como todas aquelas e aqueles que veñen, estarás a desexar volver unha e outra vez”, garantiu a presidenta da Deputación de Pontevedra.