Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Turismo, innovación y mucho talento en la II Jornada TurisTIC en la provincia de Pontevedra

Turismo, innovación e moito talento na II Xornada TurisTIC na provincia de Pontevedra

Máis de 200 persoas asistiron en Vigo ás charlas para abordar os retos do sector e coñecer as propostas tecnolóxicas a cargo de 15 expositores

TurisTIC

O destino Rías Baixas acolleu esta semana a II Xornada TurisTIC, organizada pola Deputación de Pontevedra no Museo Verbum de Vigo. A cita converte á provincia nun referente en turismo intelixente creando un espazo onde o sector turístico e o tecnolóxico intercambian ideas. O evento tivo que ampliar a capacidade da sala tras o éxito da pasada edición, chegando a 200 asistentes. O Centro de Demostración de Solucións Tecnolóxicas, un escaparate de empresas con 15 expositores, foi unha das novidades deste ano.

Sector público e privado en sintonía

A xornada estreouse cun debate sobre a necesidade da colaboración entre entidades públicas e privadas para favorecer o impulso dos destinos turísticos intelixentes. A inauguración correu a cargo da presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen afirmou durante o primeiro coloquio que “en Rías Baixas hai moito talento. Desde as administracións debemos escoitar, ser referentes do cambio, prestar atención ás tecnoloxías e implementalas para poñelas ao servizo dos destinos”.

O delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, apostou polo uso das tecnoloxías e resaltou os proxectos de edificios intelixentes de Vigo e o 5G. O primeiro contempla entre outros o Aeroporto de Vigo ante a necesidade de convertelo nun Smart Airport, como detallou o responsable en TIC e Innovación de Peinador, Javier Yagüe. Por outra banda, o director xeral do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), Fernando Frade, destacou a necesidade tamén de xerar fluxos de colaboración onde os diferentes públicos e os entes privados se comunican entre si.

Políticas de xestión turística intelixente

A gobernanza ten un papel fundamental nestas sinerxías, temática na que se centrou a seguinte intervención, que introduciu o líder de Especialización en Innovación para a Gobernanza de CTIC Asturias, David Villar: “A gobernanza trata de alcanzar a mellora das políticas e a súa aplicación ao turismo ten que ter unhas medidas diferentes", comentou.

O xerente de desenvolvemento de produtos de AENOR, Sergio González, tamén incidiu na importancia da colaboración público-privada. Doutra banda, a necesidade de xestionar os datos e de saber interpretalos foi unha das ideas nas que se centrou o discurso do presidente de Spain Live Music, Iñaki Gaztelumendi. Aquí Edurne Vidal, xefa de proxectos de SEGITTUR destacou o importante labor da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes.

Turismo e innovación

TurisTIC

Tras un frutífero café networking, os debates continuaron coa innovación na comercialización turística, moderado pola directora de paradores de Cambados e Pontevedra, Meritxell Marcos. O director online de Falcón Viaxes, Marco Tabóas, advertiu de que “enfrontamos un novo paradigma de comercialización en turismo. O perfil do visitante é máis complicado. Planifica a súa viaxe ideal e ten claro o destino, pero tamén fai escapadas”.

Anna Borduzha, de Mabrian, e David González, de Perfeqto, falaron de como a intelixencia artificial e as novas tecnoloxías en xeral contribuíron a axudar na toma de decisións dos destinos turísticos e en mellorar a experiencia das e os usuarios, respectivamente.

Na seguinte intervención, a axencia de turismo activo, Piragüilla Lecer e AventuraNamorarte Viaxes Arqueolóxicas e Xoia Software Development, que conta cun ambicioso proxecto de realidade aumentada aplicada en xacementos arqueolóxicos, achegaron ás e os presentes como as tecnoloxías contribuíron a favorecer os seus proxectos empresariais.

A importancia dos datos e o futuro tecnolóxico

Xa na sesión vespertina o xerente de márketing cloud de Telefónica, Enrique González, centrouse na xestión dos datos e na necesidade dunha interpretación que permita optimizar a información solicitada.

O presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez, e a presidenta da Asociación Española de Intelixencia artificial Amparo Alonso, destacaron a creación da nova titulación en Ciencia e Enxeñería de Datos. Finalmente o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo González, quixo compartir a seguinte reflexión: “Ás veces non somos conscientes das e os profesionais que temos aquí e imos buscar o talento fóra. Xa é hora de cambiar iso”.

Desafío Hackathon DestInno

Como antesala á gran cita de turismo intelixente da provincia de Pontevedra tivo lugar a primeira edición do Desafío Hackathon DestInno. O reto reuniu na sede provincial de Vigo a profesionais do deseño, da programación e do sector turístico, onde debían desenvolver unha idea para impulsar os destinos turísticos intelixentes. Foi na II Xornada TurisTIC onde se deron a coñecer os proxectos gañadores. O Desafío Domingo Fontán, Niiru e Arondar foron as propostas que se fixeron co podio.

A actividade foi organizada pola Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas e SmartPeme coa colaboración de minube , SEGITTUR, o Concello de Vigo, o Consorcio Zona Franca de Vigo, o Clúster Turismo de Galicia e o CLÚSTER TIC GALICIA.