Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Una Semana Santa con buenas perspectivas para el sector turístico de Rías Baixas

Unha Semana Santa con boas perspectivas para o sector turístico das Rías Baixas

As previsións apuntan a un crecemento de dous puntos sobre a ocupación hostaleira de 2018

Oficina de Turismo

A provincia de Pontevedra afronta a Semana Santa con perspectivas óptimas de chegada de turistas. As previsións de Turismo Rías Baixas apuntan a unha ocupación hostaleira do 64 % no conxunto do territorio, dous puntos máis que na mesma tempada de 2018. “É unha estimación prudente, xa que esta semana abriron algúns establecementos, outros non van abrir e a meteoroloxía pode facer variar os resultados”, explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao dar conta dos prognósticos.

Por comarcas no caso do Salnés alcanzarase o 75 %, con municipios como Vilagarcía de Arousa rozando o 100 %. En Pontevedra estímase unha ocupación do 65 %, e a presidenta da Deputación lembrou que ao final do mes terá lugar o ITU Multisport, que concentrará a máis de 4.000 deportistas e terá un resultado moi positivo no balance turístico.

No Morrazo a ocupación superará o 54 %, segundo a previsión, mentres que en Vigo situarase no 60 %, no Baixo Miño no 68 %, O Condado e A Paradanta rozarán o 100 %, Caldas rexistrará un 45 %, e Deza e Tabeirós-Terra de Montes excederán o 50 %.

Turismo rural

As expectativas son tamén óptimas nos aloxamentos de turismo rural, cunha ocupación media prevista en toda a provincia do 60 %, superándose esa porcentaxe en comarcas como O Morrazo, Pontevedra, Vigo e Caldas.

A presidenta da Deputación destacou ademais que a provincia será líder na contratación de persoal durante a Semana Santa. Está previsto que no sector de aloxamento e hostalería se incorporen máis de 3.000 empregadas e empregados”, indicou.

Primeiro trimestre

Por outra banda, durante o primeiro trimestre chegaron ás Rías Baixas máis de 85.000 visitantes doutros territorios de España e máis de 18.000 persoas estranxeiras, o que se traduce en 200.000 pernoitas. “Son datos moi similares á mesma tempada de 2018, o que mostra unha posición consolidada do noso destino, tendo como obxectivo indiscutible a captación de turismo estranxeiro nas tempadas baixas”, destacou Carmela Silva.

Así mesmo, o aeroporto de Peinador acumulou 230.000 viaxeiras e viaxeiros, un 4,3 % máis que o mesmo trimestre de 2018, igualando o mellor trimestre da década. Só en marzo pasaron polo aeroporto 84.812 persoas, un 0,8 % máis que o ano anterior.