Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - A Deputación de Pontevedra redobra a súa aposta pola sustentabilidade con novas accións en defensa do medio ambiente

A Deputación de Pontevedra redobra a súa aposta pola sustentabilidade con novas accións en defensa do medio ambiente

Retira os envases de plástico das roldas de prensa e actos institucionais e prepara outras medidas para concienciar sobre o uso de materiais contaminantes

Nas roldas de prensa dicimos non aos plásticos somos sostibles

A Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas continúan a súa aposta polo medio ambiente con novas accións para promover a sustentabilidade. A institución provincial pon en marcha, baixo o lema “Experiencias SOStibles”, unha serie de iniciativas para concienciar á poboación sobre a necesidade de reducir o uso de materiais contaminantes, potenciar a reciclaxe e contribuír con iso a protexer o planeta.

A primeira destas medidas será retirar as botellas de auga de plástico das roldas de prensa e demais actos institucionais, unha medida efectiva e ao mesmo tempo simbólica, como mostra de compromiso coa sustentabilidade ante a cidadanía.

Así o anunciaba a presidenta da institución provincial, Carmela Silva: “Hoxe temos un pequeno elemento de madeira nas mesas, tamén notarán que xa non hai botellas de plástico nesta sala. Isto é un paso máis no noso empeño de manter os plásticos fóra da administración apostando por políticas ambientais”.

A pequena peza de madeira de camelia estará presente nas roldas de prensa e contén un código QR que redirixe directamente ao contido da campaña, incluíndo as accións da campaña de sustentabilidade do ano 2018.

As accións seguen o ronsel da campaña “Somos sostibles” organizada o ano pasado pola Deputación de Pontevedra e que cultivou unha excelente acollida. Ao longo do período estival realizáronse accións divulgativas en praias, festas de interese turístico e os Rías Baixas Fests, e foron entregadas 50.000 unidades de envases fabricados con cartón ecolóxico e reciclable para recoller cabichas e outros pequenos residuos.

Rueda de prensa campaña SOStibles
Rueda de prensa campaña SOStibles

A ambiciosa campaña de sustentabilidade da Deputación de Pontevedra, “Experiencias SOStibles” contará con novos obxectivos e novas formas de interactuar coa cidadanía buscando a concienciación social. “Queremos comprometernos na loita contra os plásticos que tanto dano fan á natureza, aos océanos, e este é un paso máis, unha manifestación da nosa aposta pola sustentabilidade e o medio ambiente”, destacou Carmela Silva.

A primeira acción de “Experiencias SOStibles” centrarase na actividade institucional. Os envases de plástico serán substituídos por vidro nas roldas de prensa da presidenta, Carmela Silva, e demais actos oficiais da Deputación. O cristal é retornable e reutilizable, e non ten efectos contaminantes, co que se cumpre o obxectivo de contribuír á sustentabilidade e á protección do medio ambiente.

A esta nova acción seguiranlle outras iniciativas de divulgación e concienciación, que serán presentadas nos próximos meses.