Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Turismo Rías Baixas promove o selo de calidade SICTED con charlas nos concellos

Turismo Rías Baixas promove o selo de calidade SICTED con charlas nos concellos

A Deputación de Pontevedra ofrece formación e asesoramento para obter o distintivo, e as firmas interesadas poden solicitar a adhesión ao proxecto ata o 20 de maio

SICTED

A Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, continúa a promoción do selo Compromiso de Calidade Turística do SICTED entre as empresas e outras entidades do sector. A Guarda acolle mañá, na planta baixa da Casa dos Alonso (praza do Reló), a primeira xornada de presentación do proxecto, e o xoves terá lugar outra charla no salón de plenos do Concello da Illa de Arousa, rúa Palmeira, 25. Ademais, o día 16 organizarase outra charla ás 11.00 horas no Auditorio Municipal de Caldas de Reis (paseo Román López s/n); e o día 20 tocaralle a quenda a Mondariz cun coloquio na Biblioteca Municipal (Rúa Merouces, 18) tamén ás 11.00.

As presentacións diríxense a empresas ou servizos cuxos clientes son, na súa maior parte, turistas. Turismo Rías Baixas financia ao 100 % os gastos para a obtención do selo Compromiso de Calidade Turística, un sistema de xestión e mellora da competitividade das entidades do sector turístico situadas no destino SICTED provincia de Pontevedra-Rías Baixas.

A institución provincial, por medio de Turismo Rías Baixas, ofrece ás empresas que queiran adherirse un plan de formación, visitas de asesoramento para a implantación de boas prácticas en calidade turística, e avaliacións que contrastan a adecuación da empresa/servizo aos estándares de calidade, así como a participación en grupos de traballo que desenvolven propostas de mellora para o destino. Estas actividades desenvolveranse entre os meses de maio e outubro.

Máis de 270 entidades dunha trintena de oficios ou actividades turísticas contan xa coa distinción que acredita a calidade do seu servizo

O proxecto conclúe coa obtención do selo de calidade, distintivo Compromiso de Calidade Turística, tamén sen custo para as e os beneficiarios. Actualmente están distinguidas 271 entidades que representan 27 oficios ou actividades turísticas, como aloxamento, restauración, comercios, turismo activo, turismo industrial, transporte, comercio,...

Para adherirse ao proxecto débese tramitar a solicitude ata o 20 de maio a través da web Compromiso de Calidade Turística indicando Destino: “Provincia de Pontevedra-Rías Baixas ” ou enviando un protocolo de adhesión ao e-mail sicted.riasbaixas@depo.es.

Máis información:

Formulario de solicitud de adhesión.