Fiestas en Rías Baixas
Atrás

O Porriño convértese na capital galega do pan coa súa tradicional festa

O Porriño convértese na capital galega do pan coa súa tradicional festa

Turismo Rías Baixas acolle a presentación da Feira do Pan, que chega esta fin de semana con degustacións, showcooking, obradoiros infantís e concurso de empanadas

Feria del Pan de Porriño

Máis de catro séculos de elaboración artesanal sumados á utilización de fariñas tradicionais e masa nai avalan a singularidade do pan do Porriño. Esta fin de semana terá lugar a cuarta edición da feira que lle rende homenaxe a este produto de excelencia da gastronomía da provincia de Pontevedra. Degustacións, un concurso de empanadas, un showcooking e obradoiros para os máis pequenos da casa completan a oferta de lecer dunha cita gastronómica coa que O Porriño quere consolidarse como capital galega do pan grazas as súas bolas de aspecto rústico e con gran sabor a cereal.

O singular método de elaboración empregado polos panadeiros do Porriño está documentado desde o século XVI e dá como resultado un pan de moi alta calidade, cocido en forno de leña, cunha taxa de hidratación moi adecuada e cunha cortiza semidura e unha faragulla suave e esponxosa.

As e os panadeiros locais están a tramitar o rexistro da marca e durante a presentación esta mañá da IV edición da Feira do Pan do Porriño no Palacete das Mendoza en Pontevedra, a alcaldesa en funcións do municipio, Eva García de la Torre, defendeu o Pan do Porriño como “unha dos sinais de identidade” do concello.

O deputado de Turismo, Santos Héctor, reivindicou a tradición panadeira do concello e felicitou as e os promotores da iniciativa porque asegurou que as feiras gastronómicas “nos axudan a promocionar os excelentes produtos da provincia e ao mesmo tempo a súa cultura, tradicións e paisaxes. Son un reclamo máis para elixir As Rías Baixas como destino turístico”.

As feiras gastronómicas axúdannos a promocionar os excelentes produtos da provincia, a súa cultura, tradicións e paisaxes”, afirma o deputado Santos Héctor

A presentación serviu para lanzar unha invitación ao conxunto da cidadanía a achegarse ao Porriño esta fin de semana para gozar das múltiples elaboracións que permite o saborosísimo pan do Porriño. O obxectivo da Asociación de Comerciantes (Acipor) e da Asociación de Panadeiros é lograr maior difusión do produto, polo que agradeceron publicamente á Deputación de Pontevedra por sumar o pan do Porriño á campaña “Fame de Experiencias?” e a degustacións coma a realizada o Día dos Museos en Valencia.

“Queremos seguir percorrendo España”, explicou durante a presentación Luís Miguel Iglesias, da panadería Amaquía, gañador hai uns días da Faragulla de Ouro de Galicia á mellor bola de pan da comunidade.

16 postos de alimentos

Feria del Pan de Porriño

A IV Feira do Pan do Porriño contará este ano cun total de 16 postos de comida. Na súa maioría serán panaderías, pero hai marcas convidadas para propiciar saborosas maridaxes co pan do Porriño como requeixo das Neves, mirabeles do Rosal, chocolates Antoxo, queixos Touza Vella, embutidos Distapor, viños da adega Señorío de Rubiós e cervexas Silvestres.

A festa comeza o sábado ás 10.00 da mañá na praza de San Benito e ás 12.30 horas a Escola de Hostalería e Formación Profesional A Cancela das Neves poñerá en marcha o showcooking “O pan do Porriño e as súas posibilidades culinarias”. O alumnado realizará innovadoras maridaxes aproveitando os produtos das marcas convidadas á festa antes do xantar e a chegada pola tarde dos talleres infantís, ás 17.00 horas.

Empanadas non ring

Outro dos pratos fortes da celebración será o II Certame de Empanadas no Ring. Por último, os organizadores celebran a Cata de Pans de Galicia e Portugal na que 25 comensais poderán apreciar as notables diferenzas entre o pan do Porriño, o pan de Cea, o pan de Fisterra, o pan da Moa e a broa de Avintes de Portugal.