Fiestas en Rías Baixas
Atrás

PontevedraProvincia consolídase como un destino cada vez máis atractivo cun 53% de ocupación en maio e unha significativa presenza de turismo internacional

#PontevedraProvincia consolídase como un destino cada vez máis atractivo cun 53% de ocupación en maio e unha significativa presenza de turismo internacional

Carmela Silva tamén avanzou as primeiras estimacións de Turismo Rías Baixas para o mes de xuño, cun 55% de ocupación media na provincia

Rueda de prensa Carmela Silva

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceu hoxe en rolda de prensa os datos de ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra durante o mes de maio, que sinalan que “malia ter un 25,6% de establecementos pechados durante ese mes, a ocupación media na provincia se situou nun 53%. Son uns datos positivos”, tanto estes como as estimacións de ocupación para o mes de xuño que ofreceu a continuación, “que seguen a falar de que somos un destino cada vez máis atractivo”.

Silva informou de que, por comarcas, a ocupación repartiuse deste xeito: un 40% no Salnés, un 61% en Pontevedra, un 47% no Morrazo, un 55% en Caldas, un 64% en Vigo, un 49% no Baixo Miño, un 44% no Condado e A Paradanta e un 50% en Deza e Terra de Montes. En canto ao turismo rural, no que a Presidenta provincial lembrou que “moitos establecementos estiveron pechados agás na ponte de maio”, a ocupación media provincial foi do 23%. A comarca onde se rexistraron os mellores datos foi a de Caldas, cun 40%, seguida pola de Pontevedra (35%), Vigo (27%), o Baixo Miño (23%), O Salnés (21%), O Morrazo (19%), O Condado e A Paradanta (17%) e Deza e Terra de Montes (13%). Ademais, os albergues rexistraron unha ocupación do 60% no conxunto global da provincia, “cunha porcentaxe moi superior en Caldas, cun 84,4%”, matizou Carmela Silva. No resto de comarcas a ocupación en albergues foi a seguinte: un 63% en Pontevedra, O Salnés e O Morrazo, un 58% no Baixo Miño, O Condado e A Paradanta, un 54% en Vigo e un 45% en Deza e Terra de Montes.

“O perfil das persoas turistas que nos visitaron é moi significativo”, asegurou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, que lembrou que os datos recóllense entre as persoas que visitaron as oficinas de Turismo Rías Baixas. Foron principalmente españolas (o 67%) e procedentes maioritariamente de Madrid, Lanzarote, Barcelona e Salamanca, mentres que “as persoas estranxeiras foron o 33%, que é unha cifra para salientar moito”, valorou Carmela Silva, “xa que a nosa provincia segue medrando en turismo internacional”. Os países de onde máis turistas nos visitaron foron a Alemaña, Francia, os Estados Unidos, Portugal e o Reino Unido. O seu tipo de aloxamento preferido foron os hoteis e a estancia media situouse entre 7 e 15 días. O motivo principal da visita foi a cultura, seguida polo ocio e polo Camiño de Santiago.

Neste contexto, a Presidenta sinalou o bo funcionamento dos castelos propiedade ou xestionados pola Deputación, os de Soutomaior e Sobroso, que rexistraron un incremento do 11,2% e do 9,5% respectivamente en comparación con maio de 2018. Visitaron o de Soutomaior 1573 persoas e, o de Sobroso, 1850.

Turismo Rías Baixas estima unha ocupación do 55% para xuño

Carmela Silva tamén ofreceu as primeiras estimacións de ocupación para o mes de xuño, no que Turismo Rías Baixas agarda “unha ocupación media do 55,3% nos establecementos hoteleiros da provincia”. Por zonas, sería un 50,4% no Salnés, un 60% en Pontevedra, un 54% en Morrazo, un 51,4% en Caldas, un 64% en Vigo, un 42,1% no Baixo Miño, un 43% no Condado e na Paradanta e un 56% en Deza e Terra de Montes. “Seguimos a ter datos moi relevantes que cada ano van mellorando”, valorou a Presidenta provincial.

No caso dos establecementos de turismo rural, a media sitúase nun 31%, cun 28% para O Salnés, un 36,5% para Pontevedra, un 43,3% para O Morrazo, un 43,1% para Caldas, un 35% para Vigo, un 30% para o Baixo Miño, un 21% para O Condado e A Paradanta e un 25% para Deza e Terra de Montes. En canto aos albergues, as estimacións son moi superiores a estes últimos, xa que Turismo Rías Baixas agarda unha ocupación do 65%. Concretamente, falaríamos dunha estimación do 71% para O Salnés, Pontevedra e O Morrazo, un 84% para Caldas, un 69,4% para Vigo, un 44,2% para o Baixo Miño, O Condado e A Paradanta e un 60% para Deza e Terra de Montes. Carmela Silva lembrou que cara a finais de mes a Deputación de Pontevedra informará das previsións de cara aos meses de verán.